Belén do Campo defende a agricultura ecolóxica como proba de que hai alternativas de futuro no campo galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, participou na inauguración, esta mañá, do XII Congreso de la Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE) que se celebra estes días en Lugo e no que Do Campo aproveitou para destacar a boa evolución que dende fai anos rexistra este sector en Galicia.

“A gran capacidade da agricultura ecolóxica para crecer, mostra que na agricultura e na gandaría en Galicia hai lugar para o emprendemento e futuro para as novas xeracións”, declarou a directora xeral durante a súa intervención na que fixo balance dos últimos datos do sector.

“O valor da produción baixo o selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) vén aumentando a un ritmo importante nos últimos anos. Así, no 2015 alcanzáronse os 33 millóns de euros de facturación dos que a provincia de Lugo correspóndelle arredor dunha terceira parte, uns 11 millóns de euros”.

En canto á superficie, no 2015 ata 20.300 hectáreas estaban dedicadas ao sector agroecolóxico en Galicia, o que supón un incremento do 33% respecto a 2014. Neste aspecto, Lugo duplica ao resto de provincias con 12.000 hectáreas. En torno ao 90% desta produción ecolóxica certificada procede dos sectores do leite, carne, castañas e sidra. Ao tempo que crece a extensión de terreo, aumenta en paralelo o número de operadores ecolóxicos e no 2015 contabilizáronse 721 inscritos, 558 produtores e 163 elaboradores.

Doutra banda, entre os sectores que rexistraron un maior crecemento o pasado ano, están os vinculados precisamente coa produción de leite e derivados, a carne e avicultura, así como as conservas e os pensos de alimentación animal.

Así, Belén do Campo felicitou tanto ao Craega como a todos os implicados no sector polos seus resultados. “A pesar da crise mantense como un mercado a alza e pode dar aos máis novos un medio de vida digno e saludable”, sinalou a directora xeral, que apelou á súa protección e a impulsar o seu desenvolvemento. “Por iso, a Xunta de Galicia incrementou de forma espectacular as medidas de apoio a este sector nos últimos dez anos e queremos seguir apostando polos produtos ecolóxicos, xa que os mercados tanto a nivel nacional como internacional aumentan a súa demanda”.
O XII congreso da SEAE celébrase no pazo da Feiras e Congresos de Lugo ata o venres e este ano faino baixo o título Las leguminosas: clave en la gestión de los agrosistemas y en la alimentación ecológica.

21 de setembro de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.