As pemes promocionaron os produtos do agro e do mar galegos en feiras sectoriais por todo o mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Intervención de Rosa Quintana na xornada. Foto: X. Crespo

Intervención de Rosa Quintana na xornada. Foto: X. Crespo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, clausurou hoxe a Xornada de internacionalización do sector primario, celebrada en Santiago de Compostela. Alí destacou que centos empresas galegas promocionaron os produtos do mar e do agro en preto de 100 feiras por todo o mundo da man das Consellerías do Mar e do Medio Rural nos últimos 8 anos. Trasladou que moitas das empresas que participaron nos certames estableceron contactos e abriron novos mercados nos centros de negocios habilitados pola Xunta.

A conselleira explicou que “a internacionalización das empresas galegas foi gañando terreo ano tras ano”. Iso amósase, dixo, nos datos do total de exportacións de España, nos que Galicia representa o 7,2%. Trasladou que, dentro das exportacións, os produtos do mar están dentro dos tres grupos de produtos que máis saen de Galicia, froito do traballo de moitas empresas que apostaron pola internacionalización buscando novos mercados no exterior”, explicou. Nesta liña, Rosa Quintana, fixo fincapé na oportunidade que representan as exportacións na actualidade “para ampliar mercados, incrementar o volume de produción, mellorar a conta de resultados e xerar emprego e riqueza”.

Ademais, a conselleira incidiu en que os produtos de orixe agraria, forestal e mariña fan que o sector industrial, ligado ao seu procesado “teñan importantes expectativas de crecemento”. Neste sentido, asegurou que o apoio da Xunta é fundamental e “hai que tratar de vender nun mercado cada vez máis global as 32 denominacións de orixe e marcas diferenciadas como Galega 100% ou pescadeRías”, engadiu.

Por iso, subliñou Rosa Quintana, “sempre apostamos pola apertura de mercado cara ao exterior”. Así, lembrou que dende o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) se facilitan as ferramentas necesarias de asesoramento técnico e financeiro e dende os departamentos de Mar e de Medio Rural préstase apoio loxístico nas feiras sectoriais e alimentarias para iniciar e ampliar a actividade exportadora dos produtos primarios.

Por último, a titular de Mar animou ás empresas presentes no encontro a “explorar ou ampliar as posibilidades que ofrece a actividade exportadora ás empresas porque redundará, non só en beneficio da propia empresa, senón tamén no da propia Galicia”, finalizou.

7 de setembro de 2016 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.