Arzúa aproba unha convocatoria de axudas a asociacións e entidades veciñais sen ánimo de lucro
O goberno municipal de Arzúa vén de aprobar unha convocatoria de axudas a asociacións e entidades veciñais sen ánimo de lucro para a realización de infraestructuras de interese xeral en materia de abastecemento de auga.
Ademais de carecer de fins de lucro, as entidades ou asociacións que queiran acollerse a estas axudas deben figurar debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.
As actuacións que serán subvencionables mediante estas axudas, para as que o goberno municipal reservou unha partida de 20.000 euros, contemplan obras de mellora do abastecemento e da calidade da auga no medio rural así como a creación de novas infraestructuras para o suministro de auga e para a mellora e acondicionamento de redes de abastecemento de auga xa existentes.
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello nos 30 días naturais seguintes ao da publicación da convocatoria das axudas no Boletín Oficial da Provincia, que foi o pasado día 18 de agosto.
A documentación que se debe achegar xunto coa solicitude aparece contemplada nas bases da convocatoria, que se poden consultar nas oficinas municipais, onde se contempla tamén os criterios para a concesión das axudas así como as obrigas dos beneficiarios.
AMPLIACIÓN DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA AO NÚCLEO DE AS HORTAS (Dombodán)
Na Xunta de Goberno Local, celebrada esta mañá no Concello de Arzúa, o goberno municipal tamén acordou iniciar os trámites para a contratación das obras conducentes á ampliación da rede de abastecemento de auga potable ao núcleo de As Hortas, na parroquia de Dombodán.
A actuación, que se executará nos vindeiros meses, dará continuidade ao programa de investimentos do goberno que preside o alcalde, José Luis García, nas zonas rurais do municipio e nos que a cobertura de servizos básicos é unha prioridade.
O núcleo das Hortas pertence á parroquia de Dombodán e as vivendas do lugar non dispoñen da rede municipal existentes de abastecemento de auga, empregando para abastecerse pozos e traídas veciñais privadas.
A actuación que se vai realizar contempla introducir a rede de abastecemento de auga potable neste núcleo mediante a canalización dunha nova tubería de polietileno de alta densidade de 90 mm. de diámetro partindo da rede de agua existente no núcleo de Agra de Pares, desta mesma parroquia.
O goberno municipal invertirá nesta actuación un total de 79.620,17 euros, que permitirán, tal e como explicaba esta mañá o alcalde, “ofrecer un servizo primordial, básico e de calidade ás setenta vivendas que existen na Hortas e que se beneficiarán dunha prestación que consideramos moi importante e que, seguramente, será moi aprezada por todos os veciños”.