Arden máis de 3.275 hectáreas na provincia de Ourense
Os principais lumes forestais rexistrados na provincia de Ourense (catro de cinco, xa que o de Lobeira quedou controlado ás 13,10 horas) permanecen en activo, mentres que, dende as 8,34 horas deste mércores, permanece activo un incendio na Fonsagrada (Lugo), na parroquia de Paradavella.
Segundo informou a Consellería de Medio Rural, as primeiras estimacións constatan que neste incendio a superficie afectada é de 25 hectáreas de monte arboredo. No seu control traballan un técnico, tres axentes, 10 brigadas, oito motobombas, dúas pas, seis helicópteros e tres avións.
Tamén en Lugo, segue controlado dende as 6,11 horas do luns o incendio rexistrado en Chantada, na parroquia de Requeixo, que se iniciou o domingo ás 15,04 horas e a superficie afectada da cal é de 106,44 hectáteras, das que 49,14 son arboladas e 57,3 rasas. Traballan na súa extinción un técnico, nove axentes, 42 brigadas, 19 motobombas, tres pas, 13 helicópteros e tres avións.
Entre tanto, nas últimas horas varios incendios rexistrados en Ourense (dos que catro permanecen activos) queimaron máis de 3.275 hectáreas. De feito, en Oímbra segue declarada a ‘situación dúas’, como medida preventiva, no incendio activo en Oímbra, na parroquia de Bousés, por proximidade cos núcleos de Espiño e Bousés.
Este incendio iniciouse ás 14,05 horas da pasada xornada e, segundo as últimas estimacións, afecta a unha superficie dunhas 1.500 hectáreas.
Nos labores de extinción participaron tres técnicos, 15 axentes, 37 brigadas, 16 motobombas, tres pas, oito helicópteros e catro avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), medios da Deputación de Ourense, bombeiros municipais e efectivos de Protección Civil.
MUÍÑOS, BOBORÁS E ENTRIMO
O incendio rexistrado en Muíños, na parroquia de Requiás, declarouse tamén na pasada xornada e permanecen activo, cunha superficie afectada de máis de 800 hectáreas, todas elas dentro do Parque Natural do Xurés.
No seu control traballaron dous técnicos, sete axentes, 33 brigadas, oito motobombas, tres pas, 10 helicópteros e sete avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), de Protección Civil e Grupos de Emerxencia supramunicipais.
Dende as 16,44 horas da pasada xornada, ademais, está activo un lume en Boborás, na parroquia de Brués, que supera as 500 hectáreas afectadas. No seu control traballaron 11 axentes, 18 brigadas, 14 motobombas, unha pa, tres helicópteros e dous avións. Tamén colaboran efectivos de Protección Civil e Grupos de Emerxencia supramunicipais.
Así mesmo, o incendio rexistrado na pasada xornada ás 18,46 horas en Entrimo, na parroquia da Illa, e que tamén afecta a l municipio lindante de Lobios, permanece activo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é de 400 hectáreas. No seu control traballan seis axentes, 16 brigadas, 14 motobombas e catro helicópteros.
Controlado quedou ás 13,10 horas o incendio de Lobeira, na parroquia da Fraga, que empezaba na pasada madrugada ás 00,00 horas e que, segundo as novas estimacións, afectou a unha superficie de 75 hectáreas. Participan na súa extinción catro axentes, 11 brigadas, cinco motobombas e tres helicópteros.











