A Xunta remite ao concello de Santiago o convenio para a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras
Vivendas Baleiras da Xunta, unha vez que o Goberno local confirmou o pasado venres a súa vontade de incorporarse a esta iniciativa. A conselleira asinou o acordo, que agora debe rubricar o alcalde e facelo chegar novamente á Xunta.
Xunto co convenio, e co obxectivo de axilizar a súa aplicación, a Consellería remitiulle ao Concello un borrador de orde que deberá publicar a Administración local coa finalidade de mobilizar as vivendas desocupadas que se poidan destinar a alugueiro social. Así mesmo, fáiselle chegar un borrador do contrato de alugeiro que se formalizaría en cada caso.
Na actualidade, un total de 20 concellos galegos adheríronse ao Programa de Vivendas Baleiras, unha iniciativa do Goberno galego coordinada coa Federación Galega de Municipios e Provincias, que ten por finalidade dar solucións reais e eficaces ás persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares se atopan en situacións de dificultade en relación coa vivenda.
O obxectivo prioritario do programa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das administracións locais.
Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer, de 300 euros no caso de Santiago, se ben a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.
As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financian un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, co fin de dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.











