A Xunta informa en Santiago sobre a liña de préstamos para financiar os investimentos das pemes
O director do Igape, Javier Aguilera, informou hoxe en Santiago sobre as características da nova liña de préstamos, que vén de publicarse no DOG, para financiar investimentos das pemes, especialmente as de carácter industrial.
Na xornada técnica desenvolvida na sede do Mupega, Aguilera salientou que se valorará especialmente, xunto coa viabilidade dos proxectos de investimento presentados, a súa vinculación coas actuacións promovidas pola Xunta a través da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e da RIS3.
Publicada no DOG o pasado 9 de setembro, a nova liña de apoio poderá financiar investimentos empresariais a partir de 70.000 euros mediante a concesión de préstamos desde 49.000 euros. Os xuros das operacións serán fixos, e os prazos de amortización, de ata 11 anos, poderán incluír un de carencia. Mediante estes préstamos directos poderán financiarse actuacións tanto para a creación dun novo establecemento produtivo en Galicia como as centrados na diversificación ou na introdución de melloras relevantes nos procesos de produción xa en marcha.
Os tipos de xuro dos préstamos calcularanse con respecto ao euríbor vixente, sumándolle un diferencial que dependerá da contía da operación e das garantías achegadas. Para os tramos do préstamo garantidos mediante aval bancario ou dunha Sociedade de Garantía Recríproca (SGR), o diferencial que se sumará ao euríbor será do 0,10%.
Durante a xornada técnica desenvolvida hoxe en Santiago, responsables do Igape informaron tamén sobre os préstamos bonificados ou avalados para facilitar os investimentos ou o normal funcionamento de pemes, autónomos ou emprendedores. Pola súa banda, un representante da SGR Afigal pronunciou un relatorio sobre o acceso ao financiamento das pequenas e medianas empresas.











