A Xunta destaca en Vigo o papel do asociacionismo para a dinamización do comercio de proximidade
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe en Vigo a Asociación de Empresarios Zona Teis, que foi recoñecida este ano como Centro Comercial Aberto (CCA), unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias empresariais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade, así como a atención ao público.
Con máis de 100 pequenos comercios de proximidade arredor da rúa Sanjurjo Abadía, Sol Vázquez destacou que o Centro Comercial Aberto deste barrio vigués dá servizo a 30.000 veciños e visitantes. A directora xeral de Comercio salientou a importancia dos Centros Comerciais Abertos como ferramenta para reactivar a actividade dos barrios máis tradicionais e para incrementar a competitividade do sector comercial. Neste sentido, incidiu na necesidade de impulsar no comercio de proximidade novos servizos e novas estratexias comerciais que potencien a xa consolidada atención personalizada aos clientes que, na actualidade, teñen a súa disposición establecementos de alimentación, téxtil, calzado, complementos, flores, agasallos, perruquerías, así como empresas de servizos e locais de hostalaría que complementan a oferta de ocio e compras.
No encontro celebrado hoxe, os comerciantes deron a coñecer a súa nova imaxe que identificará as actuacións postas en marcha para dinamizar o barrio, acadar a fidelización de clientes e para incentivar a demanda. No acto tamén participaron representantes da asociación de comerciantes do mercado de abastos de Teis que se configura como o centro neurálxico da zona comercial e que se atopa situado no Camiño Portugués. Por este motivo, a directora xeral de Comercio aproveitou para animar aos comerciantes a participar no programa Mercados no Camiño, que busca crear sinerxías coa Ruta Xacobea.











