A Xunta destaca en Ourense a importancia de reforzar a formación en prevención de riscos laborais nas empresas
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe no centro en Ourense do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, na entrega de diplomas dun curso de prevención de riscos laborais que organiza a Xunta e no que participaron preto de 20 alumnos e alumnas. Esta acción formativa está dirixida tanto a traballadores en activo, como a persoas sen emprego e estudantes, especialmente de Formación Profesional.
“O Goberno galego entende que a prevención de riscos no traballo ten que ser una actuación de todos os implicados nas relacións laborais”, apuntou Toca, ao tempo que destacou a importancia de reforzar a formación en prevención de riscos laborais nas empresas co obxectivo de reducir a sinistralidade e as enfermidades laborais. Salientou que unha das prioridades do Goberno galego é crear unha cultura sólida de prevención de riscos laborais desde o consenso e a colaboración cos axentes sociais.
Neste senso, Toca avogou por continuar con este tipo de formación que imparte o ISSGA, xa que proporciona aos seus participantes os coñecementos necesarios para o desempeño das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais. Entre estas funcións puxo en valor o fomento de comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo; a realización de avaliacións elementais de riscos; o establecemento de medidas preventivas nos centros de traballo; a colaboración na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa; e a actuación en caso de emerxencia e primeiros auxilios.
A secretaria de Emprego tamén puxo en valor o labor que realiza o ISSGA que leva a cabo, ademais dun traballo formativo, informativo e de promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral.
Por último, a secretaria xeral de Emprego lembrou que a Xunta está a reforzar os seus programas en materia de seguridade e saúde laboral con máis actividade inspectora nas empresas e programas de prevención en riscos laborais.
“O Goberno galego sigue a traballar ao lado de empresas, traballadores e axentes sociais para impulsar unha mellor calidade e eficacia das condicións de traballo en Galicia a través de asesoramento técnico, información e formación”, rematou.











