A Xunta aproba a avaliación ambiental estratéxica da ampliación de San Paio de Navia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de remitir ao Instituto Galego da Vivenda e Solo e ao concello de Vigo a Resolución do 20 de setembro pola que se formula o informe ambiental estratéxico da modificación puntual do plan parcial de San Paio de Navia. O Goberno galego rematou esta tramitación en só dous meses e unha semana, por debaixo dos tres meses previstos inicialmente polo departamento autonómico.

O procedemento empregado foi o da avaliación ambiental estratéxica simplificada, que incorpora a nova Lei do solo de Galicia para este tipo de plans. Nesta tramitación, a Xunta estudou en profundidade todos os factores que puideran ter algunha repercusión sobre o medio ambiente.

Así, a resolución establece que “non cabe esperar que se produzan efectos ambientais significativos da modificación puntual”. Non obstante, establece unha serie de determinacións en relación ao ciclo hídrico, ao patrimonio cultural e á afección á atmosfera que se deberá incorporar no planeamento que se aprobe finalmente.

En concreto, inclúense ás seguintes determinacións:

Previamente á execución das edificacións previstas, deberase garantir o abastecemento e saneamento de augas residuais, así como a xestión das augas pluviais conforme a criterios de sustentabilidade e á planificación hidrolóxica, contemplando a súa ampliación no caso de ser insuficientes.
Ao respecto das medidas propostas en relación aos bens patrimoniais presentes no ámbito, deberá atender ás consideracións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Deberase establecer a zonificación acústica das etapas afectadas pola modificación, garantindo, en todo caso, o cumprimento dos obxectivos de calidade acústica.

A comunicación por parte do concello do inicio da tramitación da modificación puntual, para iniciar o procedemento de avaliación ambiental, foi recibida na Xunta o pasado 14 de xullo e só catro días despois xa se iniciou o proceso de consulta pública.

Cumprida a avaliación ambiental estratéxica, agora corresponde ao concello de Vigo continuar a tramitación desta modificación puntual do plan parcial conforme ao procedemento que establece a Lei 2/2016 da Lei do solo de Galicia

22 de setembro de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.