A Xunta adxudica 16.000 metros cadrados de solo en seis parques empresariais nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra
A Xunta, a través do Consello de Administración da empresa pública Xestur acordou adxudicar un total de 16.774 metros cadrados de superficie empresarial nos parques de A Sionlla, Mos, Xinzo de Limia, Ortigueira, Carballo e Melide. O importe total da venda é de 1.075.349 euros, despois de aplicar unha bonificación de 636.469 euros.
Obras en Quiroga e Taboada
Así mesmo, o consello de Xestur tamén adxudicou os contratos para a realización de obras encomendadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nos parques empresariais de Quiroga e Taboada, na provincia de Lugo, licitadas no pasado mes de agosto.
No caso de Quiroga urbanizarase o polígono D do parque empresarial dado que no mesmo existe demanda de solo e as parcelas urbanizadas están esgotadas.
As obras consistirán fundamentalmente na prolongación dun vial xa existente ata o límite do parque empresarial, resultando 11 parcelas destinadas ao asentamento de empresas. A ampliación contará cunha superficie de 15.736 metros cadrados.
O importe de adxudicación desta obra é de 196.473,23 euros máis IVE, cun prazo de execución de dous meses.
Polo que respecta ao parque empresarial de Taboada, a obra consistirá na electrificación interna e remate do alumeado público, que inclúe as obras correspondentes á eliminación do tendido aéreo de media tensión que afecta ao polígono e posterior construción das infraestruturas necesarias para substituílo, así como a construción dun novo tendido de baixa tensión que garanta o subministro aos veciños afectados.
Así mesmo, rematará o alumeado público do parque empresarial coa instalación dos báculos e luminarias que quedaron pendentes en fases anteriores, así como a instalación dun cadro que garanta o servizo. Ademais, contémplase a construción dun aparcamento paralelo á LU-212.
O investimento previsto en Taboada é de 106.514,52 máis IVE, cun prazo de execución de tres meses a contar dende o inicio das obras.











