publicidade hoxe

‘A lingua na boca’ finaliza a xira pola provincia con actuacións en Salvaterra e O Rosal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO RosalSalvaterra de Miño
A-
A+

Mañá sábado, ás 18 horas no Festival da Poesía do Condado e ás 22 horas no Auditorio do Rosal, a obra ‘A lingua na boca’ rematará o seu percorrido polos 62 concellos da provincia. Trátase dunha representación teatral creada especificamente para achegar, dun xeito contemporáneo e atractivo, a figura de Castelao ao público actual. A obra, que forma parte da programación do Ano Castelao da Deputación, está interpretada polos actores Fran Núñez e Brais Iriarte e conxuga música, humor e narración oral.

‘A lingua na boca’ parte de textos do propio Castelao combinados con historias de creación propia sobre a vida e a traxectoria do autor pontevedrés de adopción. As historias acompáñanse de temas musicais e melodías tradicionais galegas actualizadas e interpretadas en directo con diferentes instrumentos como guitarra, contrabaixo, frautas e melódica. Cunha escenografía sinxela, os dous intérpretes van repasando as diferentes facetas do Castelao médico, debuxante, escritor e político, para amosarllas ao público dun xeito comprensible e suxestivo.

Segundo ten explicado o director da obra, Fran Núñez, trátase dun “espectáculo sobre Galicia e a súa lingua a través dunha achega contemporánea á obra de Castelao. Para nós Castelao é unha das principais figuras da historia da Galiza, porén, non é pasado, é presente e futuro. Dende esa premisaconstruímos un espectáculo que serve de homenaxe e de reflexión compartida sobre o seu legado, pois Castelao está máis de actualidade que nunca”.

‘A lingua na boca’ xirou polos 62 concellos da provincia nos meses de verán, nun percorrido que comezou o pasado 1 de xullo en Ribadumia e que remata coas actuacións de mañá en Salvaterra e no Rosal. Na comarca do Condado comezara a súa andaina en As Neves o pasado 6 de xullo e continuara o percorrido por Mondariz-Balneario o 18 de agosto, Ponteareas o 21, e Mondariz o 28. Mentres na comarca do Baixo Miño, a primeira actuación foi en Tui o pasado 21 de xullo, continuando por Tomiño o 6 de agosto, A Guarda o 11 e Oia o 21.

2 de setembro de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.