A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica informa sobre o bono coidado na cidade de Pontevedra
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González iniciou esta maña unha rolda de charlas informativas polas catro provincias galegas sobra a orde do Bono Coidado, un programa pioneiro na nosa comunidade a través do que se concederá unha axuda económica directa ás familias para colaborar no pago do importe de servizos de atención á infancia a domicilio.
Nesta ocasión, a directora xeral explicou aos pontevedreses e pontevedresas que a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio por enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado/a polos membros da unidade familiar; por enfermidade da persoa coidadora habitual; asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación; ou por situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado, tanto do cónxuxe ou parella como de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, que impidan a atención do/a neno/a polos membros da unidade familiar. Deste xeito, “O Bono Coidado permitirá mellorar as posibilidades de compaxinar as responsabilidades laborais coas persoais e familiares e dáse un paso máis na resolución das tensións que se producen entre elas”, indicou a directora xeral.
“O Bono Coidado concederase en réxime de concorrencia non competitiva ás familias con nenos e nenas menores de tres anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen deste recurso para cubrir necesidades puntuais”, indicou Amparo González. Deste xeito, concederase un máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período subvencionado (un máximo de 20 horas na anualidade 2016 e de 60 horas na anualidade 2017).
Os beneficiarios/as destas axudas deberán residir na Comunidade Autónoma de Galicia, ter unha nena ou neno nado/a con posterioridade ao 31 de decembro de 2013 respecto da anualidade 2016 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2014 respecto da anualidade 2017. Así mesmo a renda da unidade familiar non pode superar os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita. Para estes efectos terase en conta a declaración do IRPF do ano 2014 respecto da anualidade 2016 e do ano 2015 respecto da anualidade 2017.
Unha vez notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias deberán achegar á xefatura territorial correspondente a solicitude de pagamento, as facturas orixinais onde conste o día e hora/s en que se prestou o servizos xuntos cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento e a xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda. A partir dese momento a contía da axuda farase efectiva.
Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia, a convocatoria conta cun orzamento de 3 millóns de euros, correspondendo 750.000 euros ao 2016 e 2.250.000 euros ao 2017.
A contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos: renda per cápita familiar ata 3.750 euros obterán unha axuda de 14€/hora; renda per cápita familiar superior a 3.750 euros e ata 7.500 euros, 11€/hora; renda per cápita familiar superior a 7.500 euros e ata 10.000 euros, 9€/hora; e renda per cápita familiar superior a 10.000 euros e ata 13.500 euros ou superior sempre que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 euros, 7€/hora.
O período subvencionable será o que vai dende o día seguinte ao da publicación da orde ata o 30 de setembro de 2017.
A directora xeral lembrou que as persoas interesadas en beneficiarse do Bono Coidado deberán presentar unha solicitude, dispoñible na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo. Ademais desta solicitude, os interesados e interesadas deberán achegar a documentación requirida na orde, e presentala na xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde teña o seu domicilio a persoa solicitante.











