A Deputación financia vinte proxectos de investigadores coruñeses con 160.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña aprobou a concesión de vinte bolsas a outros tantos investigadores da provincia, por importe de 8.000 € cada unha. En total, a institución provincial investirá 160.000 € para financiar unha vintena de proxectos de investigación orientados á áreas de ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura, artes e humanidades, estudos de xénero e planificación sociolingüística.

Os investigadores foron avaliados segundo o proxecto de investigación presentado, o currículo e o expediente académico. Asimesmo, a comisión avaliadora tivo en conta o interese da investigación e a súa aplicación práctica para o desenvolvemento da provincia.

Por exemplo, na área das ciencias, un dos proxectos consistirá na avaliación do uso de drons na investigación forestal, e outro, na caracterización da especie do percebe galego. En canto ás ciencias sociais e xurídicas, farase unha análise xeoturística da Coruña, unha estratexia de extensión da radio na provincia, e unha proposta de plan de formación sobre o trastorno do Espectro Autista para os dos profesionais dos centros dependentes da Deputación.

Pola súa banda, os traballos de planificación sociolingüística servirán par analizar os usos lingüísticos nas actuacións musicais das festas populares coruñesas, e para crear un detector automático de neoloxismos.

No ámbito das artes e as humanidades, os proxectos que obtiveron as bolsas da Deputación céntranse nas figuras de Eugenio F. Granell e de Xosé Rubia Barcia. A terceira investigación deste eido abordará o discurso da responsabilidade social corporativa do Grupo Inditex.

A Deputación confirma o seu compromiso coa igualdade con dúas bolsas para estudos de xénero. Dúas investigadoras estudarán a emigración feminina a Suiza dende a comarca de Terra de Soneira e o discurso entorno á maternidade, respectivamente.

No eido das ciencias da saúde, os proxectos financiados pola Deputación abranguen estudos sobre o cancro de próstata, o deterioro cognitivo, as células mesenquimais e o cancro gástrico. Os dous investigadores en enxeñaría estudarán o cálculo estrutural de láminas con aplicacións na industria téxtil e na enxeñaría, e a viabilidade ambiental e sanitaria dun novo sistema de abastecemento de auga no medio rural, con aplicación ao núcleo de Igrexafreita (San Sadurniño)

As bolsas a investigadores da Deputación supoñen un apoio e un estímulo ao talento coruñés e ao desenvolvemento de proxectos de innovación e coñecemento vinculados á provincia. Os investigadores teñen un prazo de un ano para desenvolver os seus estudos e deben presentar unha memoria final coas conclusións, que serán avaliado por un tribunal de expertos.

20 de setembro de 2016 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.