A Deputación destina 85.000 euros ás entidades agrarias e labregas da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe martes, 20 de setembro, a concesión de subvencións de fomento agrícola dirixido ás asociacións agrarias e labregas da Coruña para financiar investimentos durante o ano 2016.

Un total de 37 entidades da provincia recibirán 85.118,14 euros cos que sufragarán gastos de maquinaria, material para o campo e de mantemento. As sumas outorgadas varían segundo os orzamentos presentados polas propias asociacións. Os conceptos das subvencións son variados; dende a elaboración de proxectos de ordenación e repoboación forestal, ata a adquisicón de vehículos agrícolas ou ferramentas e maquinaria.

Apoio ás comunidades de montes

As comunidades de montes e as entidades gandeiras son algunhas das axudas máis destacables da convocatoria. Así, a Comunidade Veciñal en Man Común de Barreira e Guiende (Lousame) obtivo 4.500 € euros que se empregarán na elaboración do Proxecto de Ordenación do seu monte comunal. Tamén reciben fondos para este fin as comunidades de montes de Olveira e Artes (Ribeira) , Barbanza de Postmarcos (A Pobra do Caramiñal) , Miñortos (Porto do Son) e de Vilarmaior.

A Comunidade de Montes Barbanza de Lesón percibe nesta convocatoria 5.999,62 euros para a mellora das infraestruturas gandeieras neste monte, mentres que a de Cobas-Esmelle (Ferrol) recibirá 1.984, 14 euros para un proxecto de repoboación forestal con pinos do país e a de Brión contará cunha achega de 3.471,95 euros para a construción dun local e almacén.

Cooperativas agrícolas e S.A.T.

Outras axudas significativas foron as outorgadas a entidades como a Sociedade Cooperativa de Coba de Vales (Mesía), con 5.995,35 euros destinados a maquinaria agrícola gandeira, a Agrupación Agroalimentaria do Eume, que percibirá 1.800 euros para a mellora da distribución dos produtos autóctonos da comarca, e as sociedades agrícolas de transformación de (S.A.T) de Pesadoira (Negreira), Bernaldo (Tordoia), Busto-Corzón, Vila Albores e Cives (Mazaricos), Corchete Loureiro, Os Agros e Fontecoba (Santa Comba), entre outras, que recibirán subvencións para a adquisición de nova maquinaria para facer máis competitivas estas explotacións.

A Deputación da Coruña aposta polo investimento no sector primario. Estas axudas destinadas a asociacións agrarias e labregas da provincia da Coruña contribúen á modernización do rural coruñés. Unhas axudas que se complementan coas que a institución provincial vén de conceder a 26 confrarías de pescadores da provincia para o financiamento das súas actividades, cun orzamento global de preto de 410.000 euros.

20 de setembro de 2016 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.