A Deputación asina un convenio co concello da Illa de Arousa para a posta en valor da senda Bao-Xastelas
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, asinaron esta mañá no Pazo Provincial un convenio de colaboración para a posta en valor da Senda Bao-Xastelas, un dos once sendeiros azuis recoñecidos na provincia de Pontevedra, a provincia de España con maior número de distintivos deste tipo.
Tras a sinatura, Carmela Silva resaltou que, precisamente estes datos, demostran que a provincia de Pontevedra está á vangarda na excelencia de recursos naturais e paisaxísticos, polo que convidou a outras Administracións, como a Xunta de Galicia ou o Goberno de España, a “habilitar partidas, con criterios claros e equitativos, que tamén aporten para a mellora e o acondicionamento dos sendeiros azuis”. Silva explicou que o obxectivo é apostar de verdade por aquilo que nos está convertendo nun referente no conxunto de España.
A presidenta asegurou que é imprescindible apostar pola posta en valor dos once sendeiros azuis da provincia porque “son unha das grandes riquezas que temos que preservar e mellorar”. Explicou que se debe traballar na súa valorización por dous motivos fundamentais: primeiro, para que os veciños e veciñas de cada zona, e pontevedreses en xeral, poidan usar e gozar da paisaxe e dos recursos da provincia nas mellores condicións, e segundo, porque agora a paisaxe e os recursos naturais son un dos atractivos turísticos máis demandados polos visitantes. Polo tanto, “apostar pola mellora dos nosos valores naturais é apostar tamén pola creación duns recursos cada vez máis atractivos para os que nos visitan”, manifestou Silva.
O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, cualificou de “fito histórico” a sinatura deste convenio, xa que é a primeira vez que unha Administración distinta ao propio concello se decide a investir nos sendeiros azuis da provincia. Iglesias amosou o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra e resaltou a súa importancia, “xa que aos concellos cústanos moitos cartos todos os anos o mantemento e a mellora dos sendeiros azuis”.
Segundo o convenio asinado, as actuacións que se van acometer na Senda Bao-Xastelas consisten na realización de traballos de acondicionamento necesarios neste sendeiro, que bordea a illa dende a praia de Bao-Camaxe ata o espazo natural de Carreirón. En concreto, acométense accións de sinalización, incluíndo o subministro e instalación de sinais e paneis de información e identificación da ruta e dos seus valores naturais. O orzamento total é de 16.666,66 €, dos que a Deputación aporta o 80%, en concreto 13.333,22 €, mentres que o municipio da Illa achega o 20% restante, 3.333,33 €.
Este convenio enmárcase no plan conxunto que ten a Deputación, en colaboración cos concellos, para a posta en valor dos sendeiros azuis da provincia, cun investimento global de 183.333,26 €, dos que a Deputación aporta o 80% e os municipios o 20%. Este é o sexto convenio deste tipo asinado, despois de Ponte Caldelas, Nigrán, Baiona, A Guarda e Cangas.
Proximamente asinaranse os convenios para mellora dos restantes sendeiros azuis da provincia: Cabo Udra (en Bueu), Sendeiro Azul Ruta das Praias (en Marín) e os tres que existen en Vigo (Camiño a Beiramar, Senda entre Faros, Senda Litoral e do Monte da Guía). Os sendeiros azuis son rutas que enlazan praias ou portos con bandeira azul con elementos naturais do seu contorno, contribuíndo así ao uso sostible do litoral.