publicidade hoxe

A Consellería de Medio Ambiente inviste 140.000 euros na construción dunha nova pasarela peonil no río Sar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPadrón
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Concello de Padrón na construción dunha nova pasarela peonil sobre o río Sar. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, ratificaron o convenio de colaboración entre ambos departamentos, no que se recolle un orzamento de case de 140.000 euros para levar a cabo esta actuación.

As obras consistirán na construción dunha estrutura metálica dun só van de 30 metros de lonxitude e unha altura libre de 5 metros con un ancho de 2,5 metros, de xeito que permita a circulación e cruce de peóns e bicicletas.

Tal e como destacou a conselleira de Medio Ambiente con esta actuación foméntase a conservación e recuperación de espazos públicos, coa finalidade da súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo.

Coa sinatura do convenio, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio xa pode iniciar a licitación das obras nas próximas semanas.

Plan Hurbe

O Plan HURBE é un programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes.

Segundo o Plan de investimentos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería destinará este ano máis de seis millóns de euros a este Plan, aos que se sumarán cinco novos millóns de euros, é dicir, 11 millóns de euros. O orzamento destinarase, principalmente, á humanización de rúas e á urbanización e mellora de espazos públicos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sustentabilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

2 de setembro de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.