publicidade hoxe

A Consellería de Educación e Navantia impulsan en Ferrol o primeiro proxecto de FP Dual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director do estaleiro de Navantia en Ferrol, Julio Martín Ramos, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para poñer en marcha o primeiro proxecto de FP Dual na comarca de Ferrolterra. En concreto, esta modalidade desenvolverase no ciclo de grao superior de Mecatrónica Industrial no CIFP Ferrolterra, co que se amplía e diversifica a oferta do centro e, ademais, supón o primeiro ciclo desta natureza no concello.

Tal e como destacou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, este convenio ten dous obxectivos fundamentais. O primeiro, seguir ampliando a formación dos mozos e mozas, que alternarán os estudos no centro educativo co centro de traballo, o que favorecerá a súa futura empregabilidade e inserción laboral. E, o segundo obxectivo pasa por potenciar a competitividade da empresa, que formará ao alumnado segundo as súas necesidades e circunstancias específicas.

Neste caso concreto, a formación do alumnado farase, de xeito compartido, entre o CIFP Ferrolterra e a empresa Navantia, “dous referentes” nos seus respectivos ámbitos, destacou Román Rodríguez. Deste xeito, os mozos e mozas coñecerán de preto as demandas concretas do tecido produtivo da comarca e obterán unha alta cualificación e unha preparación adaptada aos postos de traballo actuais e futuros.

Alumnado beneficiado

Neste primeiro proxecto de FP Dual na comarca poderán matricularse arredor de 12 alumnos e alumnas, que recibirán unha bolsa mensual. De feito, nos vindeiros días sairá publicada a convocatoria no DOG, posto que o ciclo comezará este mesmo mes de outubro e terá unha duración de tres cursos, rematando no 2018/19.

Incremento exponencial da FP Dual

Nos últimos anos o departamento educativo da Xunta está realizando unha forte aposta pola FP Dual como modalidade fundamental para seguir avanzando no impulso xeral á Formación Profesional. Neste sentido, neste curso 2016/17 arrincaron 21 ciclos de FP Dual en Galicia, 15 deles, contando este con Navantia, completamente novos. É dicir, as prazas incrementáronse nun 101% con respecto ao ano pasado e prevese que a matrícula supere os 500 alumnos e alumnas.

Neste contexto, o conselleiro agradeceu a colaboración e implicación de Navantia por crer na FP e nesta modalidade Dual, que beneficia tanto aos alumnos como á propia empresa e, en consecuencia, á sociedade en xeral, posto que se nutrirá de profesionais cada vez máis especialistas, polivalentes e altamente cualificados para dar resposta ás demandas dos sectores produtivos.

Compromiso do empresariado da comarca

Así mesmo, tamén salientou o compromiso do empresariado desta comarca co impulso á Formación Profesional. Neste sentido, cómpre lembrar os convenios asinados a finais do mes de xuño coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra e coa Asociación de Empresarios da mesma comarca para favorecer as prácticas FCT (Formación en Centros de Traballo) do alumnado en empresas adheridas a estas dúas entidades e para promover proxectos de FP Dual.

16 de setembro de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.