publicidade hoxe

A Comarca de Sarria acolle a terceira etapa da Volta a Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaSarria
A-
A+

A terceira etapa da Volta a Galicia chega á Comarca de Sarria este venres co apoio da Deputación. O organismo provincial realizou unha achega económica de 10.000 euros para colaborar no paso da rolda autonómica polos Concellos de Sarria, Láncara, Triacastela, Paradela, O Páramo, Samos e O Incio, contribuíndo deste xeito á promoción e á dinamización da súa economía.

Ás 13:45 horas os máis de 100 ciclistas de 18 equipos que participan na XV Edición da Volta a Galicia botarán a pedalear na Rúa Padre Sarmiento, onde se atopará situada a liña de saída e de meta. En total os corredores deberán completar un percorrido de 150 quilómetros que atravesará os sete concellos da comarca sarriana, cun desnivel acumulado de 3.075 metros.

O organismo provincial habilitará un enlace na súa paxina web, www.deputacionlugo.gal, para que todos os interesados en seguir o evento deportivo en directo, o poidan facer dende calquera lugar mediante unha retransmisión en streaming.

Etapa pola Comarca de Sarria

A terceira etapa da Volta a Galicia terá como punto de saída a Rúa Padre Sarmiento de Sarria, vila chave para as comunicacións da Comarca e para os peregrinos do Camiño Francés, que tivo moito que ver no seu desenvolvemento, atravesando toda a comarca de leste a oeste. A rolda partirá en dirección Oural, pasando por monumentos históricos como a igrexa de Santa María de Goo, para continuar por Samos, coñecido fundamentalmente polo Mosteiro de San Xulián.

Continuando co percorrido, na estrada entre Samos e Triacastela pasarase pola Casa Forte de Lusío, edificación do século XVI e lugar de nacemento do matemático Vázquez Queipo. Triacastela destaca polo seu carácter xacobeo e pola súa infraestrutura de acollida ao peregrino. Dende esta localidade, os corredores dirixiranse a Láncara para pasar logo por Maceda, lugar relevante no eido da gastronomía lucense, que destaca pola súa repostería tradicional de renomedado prestixio.

Superado o ecuador da etapa, a volta pasará por A Fervenza, en pleno corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e Lugar de Neira, antes de chegar ao Páramo. Durante o percorrido entre esta localidade e Paradela pasarase pola igrexa de San Xoan de Friolfe, que conserva vestixios da primitiva fábrica románica.

Os últimos quilómetros da etapa transcorrerán por Paradela, nas proximidades de varios lugares de interese como o río Loio, o Mirador de Cabodevila, ou o antigo mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño, fundado no século XII, ata chegar de novo a Sarria, onde estará situada a liña de meta.

16 de setembro de 2016 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.