Xunta e voluntarios de Protección Civil do Camiño Francés suman esforzos para garantir a atención aos peregrinos
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de apoiar e colaborar co traballo que levan a cabo as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do Camiño Francés para garantir un mellor servizo e seguridade aos peregrinos e peregrinas.
Rueda asinou hoxe un convenio de colaboración coas sete Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos polos que pasa o Camiño Francés: Sarria, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e Santiago de Compostela. Esta colaboración ten por obxecto reforzar a atención que levan a cabo estas agrupacións, contribuíndo deste xeito á concienciación e seguridade dos peregrinos na súa andaina a Santiago de Compostela.
O Camiño é un dos principais atractivos turísticos de Galicia, a porta de entrada de milleiros de persoas á comunidade galega e os voluntarios de Protección Civil contribúen a que a boa imaxe que levan de Galicia sexa aínda mellor, axudándoos cando se produce algunha incidencia.
O convenio engloba actividades de prevención, atención e socorro, como a atención aos camiñantes en cuestións propias de protección civil, o seu traslado por enfermidade, busca de peregrinos e peregrinas e protección fronte a fenómenos meteorolóxicos adversos. Nesta mesma liña de actuación, as AVPC levarán a cabo dous operativos diarios con presenza física ao longo do camiño, no seu termo municipal correspondente.
Outra parte das actuacións céntrase en informar ao CAE112, en tempo real, das situacións e incidencias nas diferentes rutas e das posibles solicitudes de axuda que sexan necesarias polos camiñantes. Así como de informar á mesma entidade, diariamente, do inicio e fin da actividade na atención do treito de camiño que lles corresponda.
O orzamento destinado a este convenio é de cincuenta mil euros, que serán distribuídos entre as AVPC asinantes en proporción aos quilómetros de camiño atendido. A axuda económica estará destinada a cubrir material funxible de primeiros auxilios, combustibles e mantemento dos vehículos empregados, mantemento, desprazamento e loxística dos voluntarios e outros gastos que se consideren precisos para levar a cabo o seu traballo.