publicidade hoxe

Xunta, Deputación de Ourense e Concello de Bande asinan un acordo para a urbanización da travesía OU-540

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeLocal PortadaOurense
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio

Ethel Vázquez na sinatura do convenio

A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada da Deputación de Ourense, Marisol Días Mouteira; e o alcalde de Bande, José Antonio Armada, asinaron hoxe un convenio para a urbanización da travesía da OU-540, unha actuación que redundará no incremento da seguridade viaria e na mellora da accesibilidade e da mobilidade dos veciños deste municipio.

Os traballos nun treito da travesía da estrada que une Ourense e a fronteira portuguesa (A Madalena), ao seu paso polo centro urbano do municipio, suporán a mellora dunha parte da rúa Faustino Santalices situada na entrada da travesía de Bande, onde se completarán as beirarrúas xa existentes.

Estas tarefas significan un investimento de máis de 244.000 euros dos que o Goberno galego participa achegando o 70% do custo total das actuacións, con 171.000 €, o 30 % restante, arredor de 73.000 €, serán financiados pola Deputación Provincial de Ourense.

En concreto, os traballos consisten na prolongación da beirarrúa pola marxe dereita da vía, ao longo duns 100 metros, fronte á estación de servizo e na súa urbanización, coa instalación de redes de abastecemento, saneamento, pluviais e alumeado. Ademais, demolerase a actual caseta de legoeiros, situada a carón da estrada e que supón un punto estreito que impide a execución dunha beirarrúa accesible, para proceder á construción dunha nova nave na mesma parcela, que sirva de apoio ás tarefas de conservación e mantemento da rede autonómica de estradas.

As labores complementaranse co traslado do sifón do canal de rego existente na zona da estación de servizo, para facilitar a execución da beirarrúa. Pola súa banda, o Concello de Bande comprométese a executar as obras.

Ethel Vázquez explicou que “o acordo que hoxe asinamos é unha mostra máis da cooperación e do traballo conxunto entre tres administracións, co fin de dotar aos veciños de Bande de novas beirarrúas e de máis servizos, e para lograr que este treito da rúa Faustino Santalices sexa máis cómodo, máis accesible e, sobre todo, máis seguro para todos os usuarios”.

Vázquez remarcou que “a mellora da seguridade viaria é unha materia absolutamente prioritaria para a Xunta”. Este obxectivo responde tamén a unha actuación que se rematou recentemente neste municipio ourensá, na Pontella, concretamente, na estrada que vai ata Agra, a OU-411.

Con esa ampliación da ponte, que era moi estreita, agora conta cunha beirarrúa de dous metros e 2 carrís de circulación, separados por unha barreira metálica. A travesía é de titularidade municipal, xa que foi transferida ao Concello en 2014, tras a solicitude da Administración local.

19 de agosto de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.