Unhas 200 persoas asinan un manifesto de apoio ao BNG pola súa aposta pola soberanía
Preto de 200 persoas, entre as que se inclúen destacadas personalidades da cultura galega, asinaron un manifesto de apoio ao BNG baseándose en, entre outras cuestións, a súa “aposta estratéxica pola soberanía como un horizonte posible e necesario”.
Neste texto, baixo o título ‘Avante Galiza!’, os asinantes admiten que as súas “visións críticas” coa organización frentista “permanecen”, pero recalcan que “é moito máis” o que lles “une” ao Bloque.
Así, destacan que a candidatura que lidera Ana Pontón conta cun “programa claro e concreto que analiza os problemas do país” e que ofrece “solucións posibles e axeitadas”, así como o compromiso dos nacionalistas de que a súa representación non contribuirá a manter o PPdeG á fronte da Xunta.
De igual modo, poñen en valor a “idoneidade” dos membros das listas do BNG, pois en “momentos difíciles” tanto para as siglas coma para o nacionalismo, tiveron a “valentía” de dar un “paso adiante”.
Entre os asinantes do manifesto ‘Avante Galiza!’ atópanse o escritor e cantante Xurxo Souto, a escritora Anxos Sumai, o pintor Leandro Lamas, os xornalistas e escritores Margarita Ledo e Miguel Anxo Murado e o actor e director Quico Cadaval.











