publicidade hoxe

Unha viaxe a través dos contos por Bélxica, Afganistán e Xapón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Dous contacontos desprazaranse á praia fluvial de Tapia este venres. Baixo unha carpa, a partir das 20:00 horas, convidan ás familias a achegarse e asistir a unha sesión de narracións baseada na obra de Neira Vilas “Contos vellos para rapaces novos”. Trátase dunha escolma de contos populares que o escritor recolleu ao longo de seis anos de cinco continentes diferentes; actividade enmarcada no programa autonómico de fomento á lectura “Culturea, cultura e lingua no verán”. En caso de chuvia a actividade trasladarase á Casa da Cultura do Milladoiro.

En “Contos vellos para rapaces novos” Neira Vilas recolle 35 contos populares das tradicións orais de países de cinco continentes: África, América, Asia, Europa e Oceanía. Unha escolma que o escritor comezou en Bos Aires no ano 1960 e que rematou, seis anos despois, na Habana. Algúns destes relatos levan sendo transmitidos, no seo da familia, nas noites de inverno, ao longo de numerosas xeracións. Neira Vilas fixo no seu momento unha advertencia: non todos os contos rematan cunha sentenza ou ensinanza. Mais en todos eles é posible atopar unha ensinanza; unha mostra da sabedoría popular dos distintos pobos nos que naceron estas historias.

Case 35 anos despois “Contos vellos para rapaces novos” viu de novo a luz, cunha nova edición, a cargo da editorial Bolando, e ilustrado pola artista compostelá Antía Barba Mariño. Dous actores foron os encargados, este verán, de percorrer distintos lugares de Galicia dando vida ás historias que o escritor compilou. Esta actividade, de participación libre e gratuíta, foi impulsada polo programa“Culturea, cultura e lingua no verán” da Xunta de Galicia, co que colabora o Concello de Ames.

O público que se achegue este venres a Tapia poderá viaxar a Bélxica, a Xapón e a Afganistán. Son os países de orixe dos tres contos escollidos, explica un dos contacontos, Rubén, “aínda que se vemos que hai moitas ganas de contar algún máis” sempre se pode botar outro. Os relatos convidan á participación das nenas e nenos, quen segundo Rubén gozan enormemente coas historias: “Levamos facendo esta actividade dende finais do mes pasado, en 24 localidades, e estamos rematando xa”. O contacontos confesa a súa sorpresa ante o moito que gustaron “e como entran os nenos e nenas no xogo”. 

25 de agosto de 2016 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.