Unha quincena de persoas cegas da Comunidade Valenciana e os seus cans guía chegan a Santiago tras percorrer parte do Camiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Peregrinaxe cos cans guía

Peregrinaxe cos cans guía

Un grupo de 15 persoas cegas acompañadas dos seus cans guía chegan mañá a Santiago tras percorrer parte do Camiño, nunha actividade organizada pola Asociación de Usuarios de Cans Guía da Comunidade Valenciana, que comezou o pasado 20 de agosto.

Con esta percorrido, os peregrinos cegos e os seus cans guía queren demostrar que a cegueira non é un obstáculo para poder realizar moitas actividades. Ademais, pretenden reivindicar os dereitos das persoas cegas usuarias de cans guía de poder circular cos animais que son os seus ollos e a súa seguridade en medios de transporte e lugares públicos. O obxectivo é que a sociedade se de conta da importancia que teñen os cans guía para os seus usuarios  e atopar cada día menos problemas en acceder a lugares de uso público.

Cada un dos participantes teñen anécdotas do día a día, que nos poden dar idea da importancia do exposto no punto anterior, ademais de gardar un gran número de curiosidades como a do presidente da Asociación, Vicente Galiana, que o día da voda tivo como “convidados estelares” ao can guía que terminaba de xubilar e ao novo que lle adxudicaron e que foron os encargados de levar os aneis ao altar no momento adecuado, emocionando a todos os asistentes.

O grupo de peregrinos cegos estivo acompañado, ademais, de voluntarios que lles axudaron na súa peregrinación, na que acabarán percorrendo os 100 quilómetros que lles outorga a prezada Compostela, tanto para eles como para os seus cans.

Saíron o pasado 20 de agosto, ás catro da madrugada desde Castelló e Elxe, simultaneamente, para horas despois, proseguir todos xuntos a viaxe desde Cuenca. Chegarán a Santiago o 25 de agosto pola tarde. Alí, realizarán unha visita guiada ás cubertas da Catedral, acompañados dos seus cans.

24 de agosto de 2016 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.