Un total de 90 municipios coruñeses de menos de 50.000 habitantes beneficiaranse do servizo de teleasistencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O deputado da área de Contratación, Xesús Soto, asinou a adxudicación do contrato de teleasistencia domiciliaria destinado a ofrecer o servizo aos 90 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes. O servizo diríxese a persoas en situación de risco pola idade, por diversidade funcional, limitación de recursos, enfermidade ou illamento social. Na actualidade conta con 1746 persoas usuarias.

A Deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, informou que “na actualidade o servizo ten 1.746 de persoas usuarias que están atendidas por un cadro de persoal de 17 traballadores e traballadoras que realizan funcións de seguimento e acompañamento social das persoas usuarias así como de mobilización dos recursos axeitados ante posibles situacións de emerxencia”. O equipo de profesionais conta, para o desenvolvemento das súas función de forma máis eficaz, con todos os datos necesarios da persoa usuaria como enfermidades que padece, medicación, familiares ou persoas de contacto.

Quixo tamén destacar Ánxela Franco “a importancia dun servizo que permite a posibilidade de continuar vivindo no propio domicilio as persoas usuarias, impedindo o desarraigo de ter que trasladarse, e proporcionando seguridade e tranquilidade as 24 horas do día xa que da resposta inmediata diante de situacións de emerxencia”

A través deste servizo, as persoas usuarias mantéñense en contacto permanente cunha central de atención por medio dun terminal conectado a súa rede telefónica, que se acciona con só premer o botón da pulseira ou medallón que deben levar sempre consigo.

O contrato foi adxudicado á empresa EULEM por un importe de 394.245,00 euros. A súa duración é dun ano con posibilidade de prórroga por outra anualidade.

26 de agosto de 2016 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.