Un total de 55 xóvenes aprenderán as dinámicas da economía social co programa ‘Erasmus+’ de Ourense
O Concello de Ourense levará a cabo o proxecto Social Enterpreneirship for Younger´s Empowerment – SEYE, no marco da Acción Clave 1 do Capítulo de Xuventudede do programa ERASMUS+ da Unión Europea, logo de recibirse na Concellería de Xuventude a aprobación da solicitude de dita subvención. Serán 55 os mozos e mozas tituladas de Ourense e o Reino Unido que se beneficien deste programa, e que se desenvolverá en Ourense entre os meses de setembro e decembro de 2016, seleccionados polas entidades participantes.
O proxecto SEYE, que foi presentado pola Concellería de Xuventude do Concello de Ourense en colaboración coa Confederación de Empresarios Ourense (CEO) e a entidade británica London Business Partnership Limited (LBP), e ten o obxectivo o de promover a mobilidade e o intercambio de mozos cualificados, co fin de promover iniciativas de emprendemento social entre esas persoas. Estes intercambios pretenden proporcionarlle a este segmento da poboación as habilidades necesarios para poñer en marcha o seu propio negocio como vía alternativa á busca de emprego. Do mesmo modo, as competencias adquiridas debe servirlles aos mozos participantes para transformar a súa conciencia social nunha empresa social.
Coa posta en marcha do proxecto, Concello de Ourense, CEO e LBP pretenden axudar os mozos cualificados para crear empresas de economía social, a fin de satisfacer as necesidades non atendidas da poboación carente, con énfase especial na educación, emprego e benestar, a mocidade en situación de risco e a protección do medio ambiente. Quérese así cubrir o desaxuste horizontal existente entre os máis novos que completaron a súa formación superior e as súas competencias en materia de emprendemento.
Outros obxectivos do programa son os de proporcionarlles aos participantes unha experiencia global no estranxeiro, de maneira que poidan coñecer como funcionan as empresas de economía social noutros países, cales son as políticas e necesidades dos mozos noutros estados membros e que ideas de negocio están a ser desenvolvidas noutros países para que poidan ser trasladadas ao seu país de orixe.
Para acadar estes obxectivos, levarase a cabo unha experiencia de intercambio entre os mozos titulados de Ourense e o Reino Unido de cinco días de duración durante o cal os mozos participantes van compartir os seus coñecementos e experiencias sobre as necesidades sociais de seus respectivos países, visitarán empresas de economía social e participaran no programa Meccano of Social Initiatives, que é un programa de capacitación baseado en dinámicas de grupo e simulacións a través do cal os participantes obterán as competencias necesarias para poñer en marcha unha iniciativa de economía social no futuro.











