publicidade hoxe

Turismo de Galicia e Concello de Forcarei asinan un acordo para recuperar as Neveiras de Fixó

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Nava Castro na sinatura do convenio co Concello de Forcarei

Nava Castro na sinatura do convenio co Concello de Forcarei

Conservar en bo estado o noso patrimonio é imprescindible “para poder presentar unha oferta turística de excelencia e ofertar, deste xeito, uns produtos turísticos de calidade”, segundo manifestou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no acto de sinatura do acordo entre o departamento da Xunta que dirixe e o Concello de Forcarei para a recuperación das Neveiras de Fixó.

Neste acto, no que tamén participou a alcaldesa deste municipio pontevedrés, Belén Cachafeiro, Nava Castro referiuse a estes elementos etnográficos como “un legado de incalculable valor histórico”, polo que son merecedores dun óptimo estado de conservación, considerando de vital importancia o seu acondicionamento e posta en valor para impulsar e promover o turismo no Concello de Forcarei.

A titular de Turismo da Xunta explicou que as Neveiras de Fixó supoñen os restos dunha industria tan prolífica no seu tempo como descoñecida na actualidade, “apoiada aquí no antigo Camiño Real que unía o Mosteiro de Aciveiro coa comarca do Ribeiro”.

Mosteiros cistercienses

Segundo lembrou Nava Castro, as primeiras estruturas deste tipo comezaron a construírse na Idade Media, á vez que empezaban a aparecer os mosteiros en Galicia e todos os enclaves cistercienses do territorio galego chegaron a contar coa súa propia neveira.

Os artífices destes elementos auxiliares dos mosteiros foron os propios monxes e estaban dedicadas ao almacenaxe de xeo no seu interior. No caso das Neveiras de Fixó, nun principio, o seu uso foi para o propio Mosteiro de Aciveiro e o Cabido de Santiago, pero pronto xurdiu a actividade comercial arredor delas ao obxecto de destinalas á conservación de carne, bebidas e sobre todo para fins médicos.

Logo, a evolución funcional das neveiras desde a súa xénese ata agora foi derivando nun paulatino abandono, co conseguinte deterioro das estruturas.

Así xorde o acordo asinado hoxe entre Turismo de Galicia e o Concello de Forcarei, entre cuxos obxectivos fundamentais, segundo indicou Nava Castro, están os de “dotar a esta zona dun novo recurso turístico, garantir a axeitada protección e conservación das neveiras, así como a súa posta en valor e a difusión do seu interese etnográfico”.

Entre as actuacións que se levarán a cabo a través do convenio asinado hoxe, a directora de Turismo de Galicia referiuse a unha primeira fase na que se realizará a escavación arqueolóxica, “o que suporá un achegamento ao coñecemento das técnicas e materiais empregados na súa construción e permitirá establecer unha hipótese sobre a súa morfoloxía, tipoloxía e cronoloxía”.

Por outra parte, nunha segunda fase –explicou Nava Castro- realizaranse traballos de consolidación na superficie, primando a estrutura existente e sen intervencións directas sobre os elementos construtivos orixinais, de xeito que se cubran unicamente as necesidades de protección, tanto para as propias neveiras como para os visitantes.

Plan Integral de Turismo

A directora de Turismo de Galicia lembrou tamén neste acto de sinatura do convenio entre o departamento da Xunta que dirixe e o Concello de Forcarei que o Goberno galego ten entre os seus obxectivos básicos no eido turístico, levar a cabo accións de potenciacións de recursos, “polo que entre as súas prioridades está a de contribuír á realización de actuacións que impliquen a consecución deste obxectivo”.

E así o reflicte o Plan Integral de Turismo de Galicia, unha folla de ruta –engadiu Nava Castro- “que estamos a seguir desde a Administración autonómica para posicionar a nosa Comunidade como marca e destino diferencial e consolidala como destino multiexperiencial, con oferta segmentada e desestacionalizadora”.

18 de agosto de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.