Turismo da Coruña licita a redacción do Plan Estratéxico de Turismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña inicia o proceso para a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo (PET) que marcará as directrices para converter A Coruña cidade, e a súa bisbarra, nun destino turístico con nome propio dentro da oferta galega, nacional e internacional no periodo 2017-2020. O plan redactarase a proposta dun proceso participativo consensuado co sector e estará listo para o mes de decembro, tendo como prioridades incrementar a calidade, a diversificación, desestacionalización e internacionalización do destino. Os pregos técnicos e administrativos para contratar a redacción do plan publicáronse este martes no perfil do contratante de Turismo de A Coruña e o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o día 1 de setembro. O prazo de execución é de tres meses.

Unha vez elaborado, o plan orientará as accións para segmentos estratéxicos a potenciar na Coruña: congresos, city-breaks, gastronomía, cultura, eventos, camiño de Santiago, náutica, patrimonio inmaterial e deportes coa idea de consolidar A Coruña como destino multiexperiencial.

Proceso participativo co sector

A redacción do plan estará guiada por un proceso participativo coa implicación do sector turístico local. A nova xerenta de Turismo, Lanzada Calatayud, está inmersa nunha ronda de contactos para achegar este proceso aos actores relevantes da cidade en materia turística. Durante este mes a responsable de Turismo da Coruña mantivo reunións con Hospeco e a representante das empresas organizadoras de congresos (OPCs), que continuará coa Autoridade Portuaria e a Cámara de Comercio, entre outros. A empresa que resulte encargada da redacción do plan deberá facelo segundo a proposta derivada do proceso de reflexión participado. Finalmente o plan permitirá chegar a un pacto local con todos os axentes implicados no eido turístico para consensuar a identidade da Coruña como destino e deseñar unha planificación estratéxica conxunta.

As empresas aspirantes deben ter experencia na redacción de plans estratéxicos turísticos de destinos urbanos cunha poboación mínima de 100.000 habitantes. O contrato ten un importe máximo de 61.000 euros.

16 de agosto de 2016 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.