publicidade hoxe

Sete empresas concorren ao concurso público de licitación do servizo das Escolas Deportivas de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Sete empresas presentaron as súas ofertas para a xestión das novas escolas deportivas de Ames. Este procedemento foi aberto por vía de urxencia trala súa aprobación, o xoves 4 de agosto, pola Xunta Local de Goberno. O alcalde de Ames, José Miñones, valora “a resposta positiva das empresas, que asegura a xestión das escolas para o curso 2016-2017”. Concurriron ao concurso público as empresas  Exproade, Move, Serviplus, VV Xestión de Actividades, Eulen, A Billarda e Xestión Cultural Áurea. O goberno local agarda aprobar a licitación a segunda semana de setembro.

O xoves, 4 de agosto, a Xunta de Goberno Local aprobaba o expediente de contratación do servizo das escolas deportivas municipais. Un procedemento aberto, que valoraba ademais da oferta económica vantaxosa distintos criterios de adxudicación, que velaban pola calidade do servizo, así como a tramitación urxente. Os pregos que regulan este proceso de contratación establecen que o contrato que se asine coa nova empresa adxudicataria deste servizo municipal terá unha duración de dúas tempadas prorrogables ata un máximo de catro. Esta semana déronse a coñecer as sete empresas que concorreron ao concurso público.

Nos vindeiros días a documentación das empresas porase en mans da mesa de contratación e do departamento de deportes para que fagan valoración das ofertas presentadas. O goberno municipal estima poder aprobar a adxudicación na Xunta de Goberno Local da segunda semana do mes de setembro. Desta forma a empresa adxudicataria poderá comezar os trámites de xestión antes do comezo do curso, que terá lugar no mes de outubro. A concelleira de contratación, Gemma Otero, expuxo que “dende o inicio da licitación deste servizo o Concello traballou nun calendario con carácter de urxencia que permita chegar a tempo ao inicio destas importantes actividades facendo un esforzo de calado no período estival”.

O novo deseño das escolas deportivas demandou ás empresas presentar propostas que aposten pola calidade no servizo, así como pola contratación de monitoras e monitores ben cualificados. Quérese evitar ademais, en palabras do rexedor amesán e concelleiro de deportes José Miñones, “a contratación dun monitorado cun soldo baixo, concedéndolle unha maior puntuación ás empresas que lle ofrezan un salario maior ao bruto indicado polo Concello”. 

Os pregos de contratación valoraban así mesmo o aporte de material escolar por parte das empresas. Tamén puntuará a dispoñibilidade de monitorado con formación na atención a persoas con necesidades especiais. “A licitación deste servizo é moi importante”, concluíu o rexedor amesán, “sempre foi unha prioridade deste goberno e desgraciadamente non se puido ter licitado con anterioridade”.

Apertura do prazo de matrícula nas Escolas Deportivas de Ames

O prazo de inscrición nas Escolas Deportivas abrirá o xoves 1 de setembro e pechará o martes 13 de setembro. Poderase tramitar tanto por vía telemática como presencialmente, na Casa do Concello en Bertamiráns ou na Casa da Cultura do Milladoiro. Ambos edificios teñen un horario de apertura de 9:00 a 14:00 horas. A información e os impresos para levar a cabo a matrícula publicaranse a comezos da vindeira semana na páxina web municipal. O inicio das actividades terá lugar o luns 3 de outubro. 

26 de agosto de 2016 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.