Santos Héctor sobre as listas: “Leiceaga, que vai de adaíl da democracia, impuxo a dedo os seus candidatos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O secretario xeral provincial do PSOE en Pontevedra, Santos Héctor, acusou este venres ao candidato socialista á Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, de “impoñer a dedo” unha serie de candidatos na lista para a eleccións autonómicas “en contra da decisión dos afiliados da provincia”.

“Leiceaga, que vai de adaíl da democracia, impuxo a dedo os seus candidatos en contra da decisión democrática dos afiliados de Pontevedra”, manifestou o secretario xeral provincial en declaracións aos medios no marco dunha visita a Vilaxoán.

Nesta liña, criticou con contundencia que Fernández Leiceaga, “que vai de adaíl da democracia”, se opuxera á candidatura aprobada e avalada democraticamente polo comité provincial. Unha candidatura que Santos Héctor definiu como “renovada, gañadora e infinitamente mellor”.

Neste sentido, recordou que só dous dos 22 candidatos que formaban a lista proposta inicialmente repetían con respecto aos da anterior convocatoria electoral autonómica.

Ademais, resaltou o feito de que “este é a primeira vez que a comisión federal de listas cambia unha candidatura autonómica”, sen ter en conta o feito de que fose aprobada “por unha amplísima maioría dos militantes da provincia”.

Así mesmo, recoñeceu que nin a xestora, nin a comisión de listas federal lle formularon con antelación que ían facer algún cambio á candidatura aprobada polo comité provincial. “Ninguén nos fixo chegar a posibilidade de ningunha corrección”, sinalou.

MODIFICACIÓNS

O secretario provincial de Pontevedra desvelou que durante a reunión da comisión federal de listas celebrada o xoves en Madrid preguntou se había algunha proposta distinta ou algún cambio na lista de Pontevedra. “Pero non se me contestou. “Impediume opinar sobre esas modificacións”, abundou ao respecto.

Tamén recordou que existe unha carta de apoio a lista aprobada polo comité provincial de alcaldes da provincia que gobernan 700.000 habitantes. E que, polo tanto, a decisión de modificar a candidatura “se fai tamén en contra deles”.

NON HABERÁ IMPUGNACIÓN

O secretario xeral provincial dos socialistas pontevedreses descartou a posibilidade de impugnar a decisión do comité federal de listas. “Non hai nada que impugnar. Isto é así e nada máis”, sinalou.

Dixo tamén que descarta que esta circunstancia poida provocar dimisións na cúpula provincial de Pontevedra ou que vaia provocar unha fractura no partido. “Son normas democráticas de funcionamento interno do partido e nós aceptamos a democracia”, comentou.

“A partir de xa nos imos poñer todos a traballar para desaloxar o señor Feijóo e ao Partido Popular da Xunta de Galicia”, concluíu o dirixente provincial.

19 de agosto de 2016 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.