publicidade hoxe

Rutasapie organiza unha saída á Serra de Cazorla en outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A asociación amesá de sendeirismo e montañismo “Rutasapie” levará a cabo unha nova saída no mes de outubro, cuxa inscrición permanece aberta. O destino desta saída é o parque natural da serra de Cazorla, Segura e as Vilas, na provincia de Xaén. Para os días 29, 30 e 31, que coinciden coa ponte de Todos os Santos, a asociación preparou tres rutas distintas, de dificultade leve a moderada, por distintos recunchos desta serra declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO. O prezo de inscrición é de 239 euros, o xeral, e de 230 para persoas federadas.

O prezo da matrícula inclúe non só o transporte en autobús senón tamén o aloxamento no Hotel Los Enebros, situado na Iruela, en plena serra de Cazorla. A estancia inclúe os almorzos e as ceas no hotel. Aquelas persoas interesadas en inscribirse nesta saída, ou en solicitar máis información, pódeno facer enviado un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando aos números 628287957 ou 875680159.

O autobús que levará ás persoas inscritas até o punto de saída fará tres paradas na noite do venres 28 de outubro: unha na estación de autobuses de Santiago de Compostela, ás 22:00 horas, outra ás 22:10 na estación de tres e unha última no aparcadoiro de Santa Marta ás 22:20 horas. A chegada ao punto de información de Cerrada do Utrero, dende onde parte a primeira ruta, está programada para as 12:00 horas do sábado 29 de outubro. De 7 quilómetros de duración e de dificultade leve a Cerrada do Utrero é un canón formado polo río Guadalquivir. En varios tramos crúzase co arroio Linarejos e mesmo pasa ao carón da súa cascada.

A ruta do domingo 30, lineal, de 23 quilómetros e con maior dificultade, discorre preto do río Borosa. No seu percorrido agóchanse recunchos como os das lagoas de Aguas Negras e Valdeazores, diversas cascadas e as vistas do salto dos Órganos. O luns 31, antes de coller o bus de regreso a Galicia, agarda a terceira ruta pola cerrada do Pintor. Un itinerario circular de 18 quilómetros de lonxitude e de dificultade moderada.

O parque natural da Serra de Carola, Segura e as Vilas sitúase no nordés da provincia andaluza de Xaén. É o maior espazo protexido de España, abrangue 32 municipios, e o segundo de Europa. No ano 1989 foi declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO. Nesta área atópase a maior extensión boscosa de piñeiros de variedade mediterránea, tendo o parque unha das floras máis variadas de toda a conca deste mar. Neste parque habitan cervos, xabarís e  cabras montesas. As tres rutas seleccionadas permitirán ao grupo coñecer algúns dos seus recunchos máis fermosos. 

Saídas de un día con Rutasapie

A asociación tamén organiza saídas dun só día, a destinos máis próximos. A programación para os vindeiros meses inclúe tres rutas distintas. Todas elas teñen un prezo de inscrición de 15 euros; de 12 para persoas federadas. A primeira, organizada para o día 24 de setembro, ten por destino o Parque Natural Peneda Gueres, no noroeste portugués. A ruta ten unha duración de 16 quilómetros e é de dificultade moderada.

O 8 de outubro Rutasapie organiza outra excursión até o desfiladeiro de Bustelín, na comunidade asturiana, de 22 quilómetros e dificultade moderada. Finalmente, no mes de novembro, realizarase unha segunda viaxe a Asturias. Esta vez o obxectivo é realizar a travesía da costa naviega, unha ruta de 21 quilómetros e dificultade leve. Para inscribirse ou solicitar información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamar aos números 628287957 ou 675680159. 

17 de agosto de 2016 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.