publicidade hoxe

Publícase a lista provisional dos 127 cativos admitidos no Setembro Lúdico de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames vén de publicar as listas provisionais de admitidos e excluídos no programa de conciliación Setembro Lúdico 2016. Máis de 120 crianzas, 65 no Milladoiro e 62 en Bertamiráns, poderán participar nesta edición que se desenvolverá ao longo dos días 1, 2, 5, 6, 7, 8 e 9 de setembro. A temática en torno a cal xirarán as actividades deste programa son os Xogos Olímpicos.

As listas provisionais de persoas admitidas e excluídas no programa Setembro Lúdico xa se poden consultar na páxina web municipal, na sección de Avisos, nas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, nas portas de entrada da Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro. As familias que queiran tramitar algunha reclamación teñen até o martes, 30 de agosto, para facelo.

En total foron admitidos nesta edición 127 nenas e nenos, sumando os que participan no Milladoiro e en Bertamiráns. Este programa busca axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar, ofrecendo actividades matinais aos nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria, así os servizos Bos Días, de almorzo e xantar. As actividades desta edición do Setembro Lúdico, que organiza a empresa Ágora Aberta, xirarán en torno aos Xogos Olímpicos. Aproveitando a celebración dos Xogos en Río de Janeiro este verán, e recollendo a definición de “espírito olímpico” que fixo Pierre de Coubertain- o importante non é gañar, senón participar- o monitorado achegará a nenas e nenos á historia deste evento deportivo e á das e dos seus protagonistas.

A mascota Oli Ames acompañará a monitores e monitoras ao longo dos sete días de programa. Estes ademais poranse na pel de distintos persoeiros, protagonistas dos Xogos Olímpicos, que lles descubriran a vida de distintos e distintas deportistas, a organización dos xogos, a filosofía na que se sustentan e anacos da súa historia. O primeiro día visitarán ás crianzas membros do Comité Olímpico Internacional; o presidente Thomas Bach e varios deportistas olímpicos. Explicaranlles ao seu público os xogos, retos e diversións que lles agardan.

“Visitarán” Bertamiráns e o Milladoiro o velocista xamaicano Usain Bolt, a nadadora catalá Mireia Belmonte, o esquiador italiano Alberto Tomba e o atleta paralímpico David Casinos. Nenas e nenos aprenderán un pouco máis sobre dúas citas olímpicas menos coñecidas que os Xogos de verán: os Xogos de Inverno e os Xogos Paralímpicos. A través das experiencias dos e das deportistas reflexionarán acerca das dificultades históricas que as mulleres atoparon para poder participar en pé de igualdade cos homes nas competicións deportivas; o esforzo de homes e mulleres, moitas veces pouco recoñecido, que se apaixoaron polos deportes menos mediáticos ou populares, ou a superación dos e das deportistas que participan nos Xogos Paralímpicos. Eles e elas invitaranos a participar en carreiras pouco convencionais, a crear pistas de esquí con neve feita de calcetíns ou a construír as súas propias medallas olímpicas. 

18 de agosto de 2016 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.