publicidade hoxe

Preséntase en Santiago o libro ‘Poldras, pasos, pasadeiras…’ de Maximino Fernández Sendín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoveloLocal PortadaMondarizSantiago de Compostela
A-
A+
Rafael Sánchez Bargiela na presentación do libro

Rafael Sánchez Bargiela na presentación do libro

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, presentou hoxe en Santiago o libro ‘Poldras, pasos, pasadeiras…’ do autor Maximino Fernández Sendín, dedicado aos pasais dos ríos, sobre todo nos concellos de Covelo e Mondariz.

Trátase dun traballo de investigación no que Fernández Sendín fai un percorrido pola historia destas estruturas deseñadas para vadear os ríos pouco fondos desde a máis remota antigüidade, centrándose nas que existen nas comarcas do Condado e A Paradanta.

Ademais, este traballo editorial recolle fotografías de pasais de distintos lugares do mundo e conta cun apartado no que se relacionan varios modelos situados en distintos continentes.

Ruta da lamprea

Pola súa parte, o xerente do Xacobeo enxalzou a publicación xa que, “constitúe a primeira monografía dedicada a estes elementos da nosa cultura tradicional, nun traballo digno de todo eloxio, pois valoriza estes elementos da nosa arquitectura popular, que conforman un dos tesouros máis ricos da nosa terra”.

Rafael Sánchez Bargiela manifestou que a publicación deste libro coincide no tempo coa posta en marcha do produto turístico A Ruta da lamprea, que abrangue tamén as terras do Condado e da Paradanta, e que a bo seguro o seu contido virá a enriquecer este recurso posto en valor turístico por Turismo de Galicia.

Segundo lembrou o xerente do Xacobeo, a Ruta da lamprea deseñouse co obxectivo de promover as pesqueiras e a cultura que arrodea a pesca deste peixe, así como os valores naturais e ambientais dos ríos e as contornas fluviais nas que se captura.

Sánchez Bargiela referiuse tamén ao proceso de rehabilitación que se leva a cabo nas pesqueiras dos ríos Miño e Ulla para a recuperación da súa estrutura orixinal e o seu funcionamento, “ademais de dotar as zonas con paneis explicativos para que os visitantes poidan recrear con maior facilidade o funcionamento desta pesca tradicional”, pois este tipo de instalacións representan, non só un legado histórico de valor incalculable, senón tamén “un elemento vivo e en uso, que achega unha dimensión cultural, económica e social á Comunidade galega”.

Por último, na súa intervención durante a presentación do libro ‘Poldras, pasos, pasadeiras…’, o xerente do Xacobeo referiuse á Ruta da lamprea como un elemento dinamizador que se ven unir ao viño é á gastronomía para “vertebrar un produto turístico completo que contribúa a xerar un maior fluxo de visitantes nos concellos nos que está presente”.

23 de agosto de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.