Ourense acolle a marcha ciclista unificada de ‘Special Olympics’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesOurense
A-
A+

Só un día antes do comezo da Volta a España, a cidade acollerá a primeira das tres marchas ciclistas unificadas para persoas con discapacidade intelectual organizada pola asociación Special Olympics. A marcha, na que participarán 60 persoas -entre elas 33 persoas con discapacidade intelectual- “é un exemplo do esforzo pola integración que demostran as asociacións implicadas”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen tamén subliñou “a obriga das administracións para eliminar das nosas vidas calquera tipo de obstáculos, mentais e físicos”.

Na presentación da marcha, no salón de plenos do Concello de Ourense, estivo tamén o presidente de Special Olympics de Galicia, Eladio Fernández, quen destacou o compromiso da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia por integrar na mesma marcha a persoas con e sen discapacidade, e agradeceu o esforzo do Concello por acoller unha proba que quere “dar visibilidade ás posibilidades e actitudes dos discapacitados”. Fernández referiuse igualmente á importante labor dos voluntarios durante a marcha e na súa acción diaria -a organización que preside está integrada, na súa práctica totalidade, por voluntarios-. Así, unha das asociacións que participa activamente no desenvolvemento da marcha será a ourensá As Burgas, unha das fundadoras do Special Olympics Galicia.

O Concello de Ourense “colaborará e facilitará cunha marcha que transcorre por un espazo urbano”, explicaba Mario González, xerente do Consello Municipal de Deportes, quen tamén quixo agradecer o labor de Policía Local, Protección Civil e Cruz Vermella.

Venres 19 desde as 12:30 horas

A marcha, cun percorrido total de 15 km, sairá o venres ás 12:30 horas desde a Avenida Pardo de Cela, e percorrerá o casco urbano para rematar de novo no barrio da Ponte. Haberá cortes de tráfico, explicaban, pero serán “moi puntuais e coa menor incidencia para o tráfico”.

16 de agosto de 2016 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.