Os deportistas da Sociedade Ximnástica sumou 132 medallas nos campionatos oficiais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Aínda que non foron as cifras doutros anos, as 132 medallas que polo momento levan cultivadas os atletas da Sociedade Ximnástica no que vai de tempada nos Campionatos individuais, é sen dúbida un gran resultado.

Ao longo da tempada foron 121 os postos de podio dos atletas pontevedreses nos Campionatos de Galicia e 11 nos Campionatos de España.

Nos nacionais foi moi positivo que na tempada estival se conseguise medalla en todos os Campionatos de categorías, a excepción do Campionato Absoluto. Só se conseguiu unha medalla de ouro nun novo Campionato, o de lanzamentos longos de menores, a cargo de Claudia Puig que venceu na proba de Xavelina da categoría Xuvenil; Claudia tamén obtivo outra medalla no Campionato Xuvenil ao aire libre, cun bronce na xavelina. Outros dous atletas que conseguiron dúas medallas foron Darío Costas cun bronce no Heptatlon Júnior de pista cuberta e prata no Decathlon Junior ao aire libre e Alberto Guerreiro, bronce nos 800 metros da Promesa de pista cuberta e prata en dita proba ao aire libre.

Nos Campionatos de Galicia as 121 medallas repártense en 57 ouros, 34 pratas e 30 bronces. Son os Campionatos ao aire libre os que acaparan máis postos de podio con 75 medallas.

Dos atletas que conseguiron máis medallas, Paula Martín con 9 entre Campionatos Absolutos e da categoría Promesa e Marco Martínez nos Campionatos Cadetes con 6; foron dous dos que destacaron.

Sería longo mencionar a todos os medallistas, un total de 59; aínda que hai que pararse en Víctor Gallego que de novo volveu colgarse algunhas preseas nas probas de lanzamento de peso e disco; sumando xa máis de 50 medallas nas 15 tempadas que leva na Sociedade Ximnástica.

Aínda quedan tres campionatos individuais para concluír a tempada, o nacional de milla en ruta, que teremos aquí á beira, en Marín, o galego de Medio Maratón, que este ano organizará a Ximnástica e o galego de 10 quilómetros en ruta.

25 de agosto de 2016 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.