Obradoiros, conferencias e exposicións no “I Encontro de Cadernos de Viaxe. Santiago Cidade Ilustrada”

Obradoiros, conferencias, exposicións, encontros a través da ilustración e unha cidade como modelo para debuxantes.o I Encontro de Cadernos de Viaxe. Santiago Cidade Ilustrada congregará do 10 ao 13 de novembro profesionais e persoas afeccionadas nun convite para debuxar espazos, monumentos e a vida da cidade. A área de Cultura da Deputación da Coruña participa na iniciativa dirixida por Miguelanxo Prado.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, participou na presentación do programa Compostela Ilustrada, que congregará na cidade no mes de novembro destacados nomes do ámbito da ilustración dos cadernos de viaxes e afeccionados e afeccionadas que debuxarán a cidade ao longo de tres días. No acto interviron tamén o alcalde de Santiago, Martiño Noriega e a concelleira de Turismo, Marta Lois, ademais do propio Miguelanxo Prado.

Dirixido por Miguelanxo Prado e coordinado por El Patito Editorial, a iniciativa inclúe exposicións, un encontro aberto con persas afeccionadas, obradoiros, dinamización na rede, conferencias e encontros encamiñados a que durante tres días a ilustración tome as rúas e os espazos da cidade. Grandes nomes da ilustración como Catel Muller, Inma Serrano, Sagar Fornies e Jorge González ademais doutros que teñen xa debuxado Santiago como son David Pintor, María Mejide, Joaquín González e Jorge Arranz formarán parte do programa

Goretti Sanmartín destacou na súa intervención a creación dunha iniciativa que abre novas vías para dar a coñecer a ilustración galega que, segundo afirmou, “vive un extraordinario momento”. Citou os Diarios de Castelao como exemplo de caderno de viaxe fundamental para a cultura galega e defendeu o debuxo como ferramenta para “cambiar o ritmo, gozar da cidade e promover outro turismo máis consciente e unha vida máis saudábel”.
“En Santiago hai sempre un recuncho que non vimos, un aspecto no que non reparamos e nos sorprende e por iso estou certa de que esta iniciativa tamén lle parecerá fantástica a moita xente de Compostela que cada día debuxa a súa propia cidade”, comentou Goretti Sanmartín antes de convidar a “agasallar” cadernos para que o debuxo “faga parte das nosas vidas”.

A responsábel da área de Cultura da Deputación, destacou o perfil dun proxecto que une compromiso de distintas administracións ademais da iniciativa privada e vinculou a outras iniciativas que se desenvolven no país no ámbito da ilustración e a banda deseñada.

Nese sentido, Miguelanxo Prado, director de Festival Viñetas desde o Atlántico da Coruña, sinalou a posibilidade de camiñar cara unha “Galiza ilustrada”, cun “proxecto global en que integrar as iniciativas que se fan de xeito illado e conseguir sinerxias entre elas”.

24 de agosto de 2016 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.