O Sergas pon en marcha o servizo de medicina nuclear do Hospital Lucus Augusti
O Servizo Galego de Saúde vén de poñer en funcionamento o Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Universitario Lucus Augusti que, xunto co Servizo de Radioterapia, posto en marcha a finais de marzo, completa a carteira de servizos deste moderno e avanzado centro hospitalario da rede pública galega. Así o anuncio hoxe pola mañá, en rolda de prensa, o xerente de Xestión Integrada, Ramón Ares Rico, quen referiu que os primeiros pacientes están citados para mañá mércores. Sinalar que este novo servizo do HULA ocupa unha superficie de 1.600 metros cadrados.
A instalación da avanzada aparataxe coa que está dotado o Servizo de Medicina Nuclear, foi realizada pola empresa Philips, adxudicataria da equipación incluída no concurso público promovido polo Sergas para a modernización e renovación da alta tecnoloxía sanitaria dos hospitais públicos de Galicia, por un importe de 48,4 millóns de euros.
O Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Universitario Lucus Augusti conta cunha gammacámara SPECT con Tomografía Axial Computerizada (TAC) integrada, coa que dará cobertura asistencial a toda a poboación da provincia de Lugo. Así, a gammacámara do HULA disporá dun TAC incorporado que facilita imaxes anatómicas, fusionando as vantaxes diagnósticas de ámbalas dúas técnicas. Deste xeito, o equipo terá capacidade para realizar dous exames diagnósticos complementarios ao mesmo tempo, poder tomar diferentes tipos de imaxes e obter así información máis precisa e diagnósticos máis exactos.
A área de Medicina Nuclear do HULA ocupa unha superficie de 1.625 metros cadrados. Atópase emprazada fronte ao Servizo de Radioterapia, que dispón de 1.750 metros cadrados, o que fai que entre os dous servizos sumen preto de 3.400 metros cadrados dispoñibles. Entre outro persoal, conta cun especialista en medicina nuclear, técnicos especialistas en radiodiagnóstico e persoal de Enfermaría, que precisaron dunha formación e titulación específicas regladas para poder exercer nesta área.
A medicina nuclear constitúe unha especialidade do campo das imaxes médicas que emprega cantidades moi pequenas de material radioactivo para diagnosticar e determinar a gravidade de varios tipos de cancro, enfermidades cardíacas, endrocrinas, neurolóxicas e outras anomalías, ou para tratar unha ampla variedade de enfermidades.
Os procedementos de medicina nuclear poden detectar actividades moleculares dentro do corpo, o que permite diagnosticar enfermidades en etapas temperás, mellorando as respostas inmediatas e as posiblidades de iniciar o antes posible unha intervención terapéutica adecuada. Isto supón, polo tanto, unha mellora importantísima na detección precoz e prevención do cancro e doutras enfermidades relacionadas directamente coas expectativas de vida da poboación.
Os procedementos por imaxes de medicina nuclear non son invasivos e axudan aos profesionais a diagnosticar e avaliar distintos problemas de saúde, non só de tipo tumoral, senón tamén cardíaco, endocrino e neurolóxico. Estas exploracións empregan materiais radioactivos, denominados radiofármacos. Segundo o tipo de exame, o radiofármaco acumúlase no órgano ou área do corpo a examinar donde emite unha pequena cantidade de enerxía en forma de raios gamma, a gammacámara detecta a radiación e produce imaxes e información molecular detallada, tanto da estrutura como da función dos órganos ou tecidos a estudiar.
Os exames realizados con medicina nuclear proporcionan unha información única que inclúe detalles sobre a función e a estrutura anatómica do corpo, xeralmente imposibles de lograr mediante outros procedementos de diagnóstico por imaxe. Para moitas enfermidades, as exploracións de medicina nuclear proporcionan a información máis útil necesaria para levar a cabo un diagnóstico ou para determinar o tratamento adecuado, ademais de abrir a posibilidade de identificar enfermidades nos seus estadíos temperás, mesmo antes de que aparezan os síntomas ou de que as anormalidades podan ser detectadas por outros medios diagnósticos.
O uso deste tipo de tecnoloxía adquiriu nos últimos anos unha enorme relevancia, incrementándose o número de exploracións, á vista das súas cada vez maiores aplicacións e da súa eficacia diagnóstica nos eidos da oncoloxía, a cardioloxía ou as patoloxías neurolóxicas, entre outras.
A posta en marcha do Servizo de Medicina Nuclear do HULA permitirá que os pacientes da provincia de Lugo que teñan que someterse a un procedemento de medicina nuclear non teñan que desprazarse a outros hospitais, como sucedía ata o de agora, senón que poderán ser atendidos no Hospital de Lugo, nas mesmas condicións que se facían ata o de agora noutros hospitais. Deste xeito, mellorase substancialmente a atención sanitaria que se presta á cidadanía; porase a disposición dos profesionais da saúde as últimas tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas e increméntase a produtividade e capacidade diagnóstica dun hospital de vangarda, como o HULA.
Radioterapia e medicina nuclear
O Servizo de Medicina Nuclear, xunto co recentemente inaugurado Servizo de Radioterapia, completan a carteira de servizos altamente especializados do Hospital Universitario Lucus Augusti e o amplo abano de prestacións do hospital lucense, grazas ao macroconcurso levado a cabo pola Xunta de Galicia para a renovación de toda a alta tecnoloxía sanitaria dos hospitais galegos e que supuxo un investimento de 88 millóns de euros.
Ademais, a posta en marcha destes servizos, supuxo un importante incremento no cadro de persoal do Hospital Universitario Lucus Augusti, ao contaren con máis dunha vintena de traballadores adscritos a estes novos servizos.











