O Sergas colabora co concello de Paderne na construción dun novo centro de saúde

O conselleiro de Sanidade na sinatura do convenio
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Paderne, José Manuel Fernández Gómez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde nesta localidade. O obxectivo é dar unha mellor resposta e unha atención asistencial máis rápida á súa poboación.
Segundo este acordo, o Servizo Galego de Saúde comprométese á elaboración, á supervisión e á aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar os traballos de construción desta infraestrutura con cargo aos seus orzamentos.
Así, a Corporación municipal facilitaralle toda a documentación necesaria para a redacción do proxecto -planos topográficos, información urbanística, características das infraestruturas existentes e proxecto de urbanización-, incluídas as licencias e demais permisos que sexan necesarios. O Sergas tamén se fará cargo do pago das taxas de licenzas e imposto sobre construcións, instalacións e obras.
Pola súa banda, o Concello realizará todos os trámites necesarios para posibilitar a cesión patrimonial ao Sergas dunha parcela, que deberá ser entregada libre de cargas e gravames e coa clasificación de uso sanitario. Ademais, obterá todos os permisos precisos para a súa execución.
Así mesmo, o Goberno local asumirá todos os gastos necesarios para dotar á parcela do centro de saúde das infraestruturas necesarias, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía, aparcamento etc, que deberán estar realizadas á entrada en funcionamento do centro.
No acto estiveron presentes, tamén, a xerente de Xestión Integrada, Eloina Núñez Masid; e a xefa territorial de Sanidade, María Villar Suárez.