O Rio Natura Monbus Obradoiro enfrontarase ao FC Porto no I Torneo de Baloncesto Deputación da Coruña

Os afeccionados do Rio Natura Monbus Obradoiro contarán cunha cita máis de pretemporada na que o equipo xogará o I Torneo de Baloncesto Deputación da Coruña. Nesa cita, que será a primeira ocasión para ver ao conxunto dentro da provincia, o Rio Natura Monbus Obradoiro enfrontarase ao FC Porto, campión de Portugal que disputa a FIBA Champions League.

O partido terá lugar no pavillón Municipal de Cerceda “Fernando González Laxe”, o domingo 4 de setembro ás 12:30 horas. O vindeiro luns día 22 poranse á venda as entradas nun período preferente para abonados do club e veciños de Cerceda, que terminará o 26 de agosto. A partir do día 27 estarán á venda para o resto do público.

En total poranse á venda 500 entradas e poderanse comprar nas oficinas do club, na tenda oficial Tiro Libre Scq, ou realizando unha transferencia bancaria e enviando o xustificante do ingreso a abonados@obradoirocab.com, recollendo a entrada na porta do pavillón de Cerceda o mesmo día do encontro.

As entradas terán un prezo único de 6€ e todo o recadado destinarase integramente á Fundación Heracles. 

17 de agosto de 2016 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.