O PSOE vigués considera complexo levar adiante un proxecto ao non ter comunicación de campaña de Leiceaga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

A agrupación socialista de Vigo afirmou que “é moi complexo levar adiante un proxecto” cando non recibiu “ningunha comunicación da campaña” do candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga.

A dirección do partido na cidade olívica respondeu así, mediante un comunicado, á apelación que fixo Fernández Leiceaga en Vigo (durante unha visita realizada ao Hospital Álvaro Cunqueiro) a que “todo o partido” traballe para lograr o obxectivo de “derrotar a Feijóo” nas próximas autonómicas do 25 de setembro.

Segundo o comunicado remitido polo PSOE vigués aos medios, e asinado polo secretario de Organización local, Ángel Rivas, a agrupación “nin sequera” sabía que o candidato do seu partido ía estar este xoves na cidade, nun acto de sanidade. “Non houbo ningún contacto”, lamentou Rivas.

A agrupación aproveitou para volver defender a súa posición (a que manteñen Abel Caballero e os seus afíns) crítica con Leiceaga polos cambios na candidatura do PSdeG por Pontevedra. Así, aínda que sen referirse explicitamente á lista, o comunicado recorda que “os críticos son os que non obtiveron o respaldo democrático das bases e das direccións políticas democraticamente elixidas”.

“Aquí gobernamos a provincia e temos diálogo permanente coa cidadanía. Aquí si que falamos permanentemente cos cidadáns, e iso foi o que votaron os militantes da provincia e referendaron os cidadáns nos distintos períodos electorais”, reza o comunicado, que conclúe afirmando: “Nesta cidade e nesta provincia levamos anos falando cos cidadáns e por iso gañamos eleccións”.

25 de agosto de 2016 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.