publicidade hoxe

O prazo de preinscrición e renovación de matrícula nas Escolas Deportivas iníciase en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A concellería de Deportes de Ames ven de publicar o calendario de inscrición e renovación de praza no servizo municipal das Escolas Deportivas. Este xoves, 1 de setembro, abrirá o prazo de inscrición e renovación de praza, que permanecerán aberto até o martes, 13 de setembro. As prazas adxudicaranse por sorteo público o luns 19 de setembro, ás 14:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello. O día 21 de setembro farase pública a listaxe de persoas admitidas. O luns 3 de outubro comezarán as actividades: doce disciplinas de Fomento do deporte e catro do programa Ponte en forma.

Tanto a renovación de matrícula como a nova inscrición poderanse realizar de xeito presencial ou telemáticamente. Para realizar os trámites de xeito presencial poderase acudir á Casa da Cultura do Milladoiro ou á Casa do Concello en Bertamiráns. Ambas teñen un horario de atención ao público de 9:00 a 14:00 horas. Os correos electrónicos habilitados para realizar os trámites telemáticamente son: deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal. Para a renovación de praza deberase, en ambos casos, cubrir a ficha de inscrición e enviala por correo ou entregala nalgún dos locais habilitados. Coa folla de autoliquidación procederase ao pago das actividades. O prazo para completar o trámite remata ás 14:00 horas do martes 13 de setembro.

As persoas que desexen preinscribirse nalgunha das Escolas Deportivas deberán cubrir a ficha de preinscrición, entregala nalgún dos locais habilitados ou enviala por correo electrónico. Cada persoa poderá inscribirse como máximo en dúas Escolas Deportivas, e sempre que os horarios non se solapen. O sorteo de prazas terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello o luns, 19 de setembro, ás 12:00 horas. O 21 de setembro publicarase a lista coas persoas admitidas, e estas deberán aboar o importe da actividade entre esta data e o 27 de setembro. 

As actividades das Escolas Deportivas comezarán na semana do luns 3 de outubro, rematando a semana do 31 de maio de 2017. Para formar grupo nas distintas ofertas deportivas será necesario que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas dispoñibles. O prezo de matrícula nas Escolas é, para menores de 18 anos que se matriculen nunha única escola, de 32 euros por curso para un membro familiar, de 16 euros para os segundo membro menor de esa idade, e de 8 euros para o terceiro. As persoas maiores de 18 anos que se matriculen nunha única escola deberán aboar un importe de 48 euros. No caso de matricularse en dúas escolas as persoas menores de 18 anos anos pagarán 48 euros, cun prezo de 24 e 12 euros para o segundo e terceiro e sucesivos membros respectivamente. As persoas maiores de 18 anos deberán pagar unha cota de 72 euros.

Actividades ofertadas nas Escolas Deportivas

No díptico informativo, que podes obter premendo na ligazón do apartado de descargas, pódese consultar toda a información da oferta cultural deportiva, os horarios e localizacións das distintas prácticas deportivas. A oferta do curso 2016-2017 inclúe 16 actividades diferentes; 12 disciplinas de Fomento do Deporte para menores de 14 anos e 4 de Ponte en Forma, para as persoas maiores de esa idade. O concelleiro de Deportes expresou que se quere así “achegar unha oferta á adolescencia que non practica ningún deporte”. As actividades Ponte en Forma impartiranse ademais nos centros sociais de Tapia, Biduído, Ameixenda e Aldea Nova; ademais de en Bertamiráns e do Milladoiro, apostando “pola realización de actividades no rural”. As persoas menores de 14 anos poderán inscribirse nas Escolas de ballet, baloncesto, fútbol sala masculino ou feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Pola súa banda o programa Ponte en Forma ofrece as posibilidades de pilates, sipinning, abdominais e glúteos, ximnasia de mantemento e, por primeira vez, aerozumba.

Tras diversas reunións do Consello Consultivo Deportivo a Concellaría de Deportes chegou a un acordo con diversos clubs amesáns, que serán os encargados de impartir varias das disciplinas: xadrez o club Millarengo, patinaxe no Milladoiro o club Omega, fútbol sala feminino o Meigas FC, baloncesto o club Básquet de Ames, patinaxe en Bertamiráns e Barouta o club Sarela, voleibol o CV Bruxas , fútbol o Bertamiráns FC e fútbol sala o Milladoiro SD. O Concello de Ames asinará contratos de prestación das Escolas Deportivas con estes clubs, no que o rexedor amesán considera unha aposta “pola promoción do deporte e as entidades deportivas de Ames”. O alcalde sinala que está “convencido” de que as entidades amesás son as que mellor poden “desenvolver estas Escolas, sen ánimo de lucro e co obxectivo de estender a práctica deportiva na sociedade amesá”. O rexedor quixo estender o seu agradecemento aos clubs e asociacións “por esta colaboración e pola súa implicación”.

Neste curso o Concello de Ames contará coas instalacións deportivas dos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro, as salas de usos múltiples das Casas de Cultura, o pavillón do CEIP de Barouta, o de Agro do Muíño, o ximnasio do IES de Milladoiro e o centro Squash para os cursos de natación. O alcalde admite que “existe unha evidente demanda de instalacións deportivas”. Miñones afirma, así mesmo, que dende o goberno municipal “estase buscando financiamento para a súa construción, e para a mellora das existentes” ademais de continuar “asinando acordos cos centros educativos para posibilitar a práctica deportiva do vindeiro curso”. 

30 de agosto de 2016 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.