O peche ao tráfico dun tramo do carril esquerdo da Avenida da Habana aprázase á semana próxima
O peche ao tráfico dun tramo do carril esquerdo da Avenida da Habana, previsto para hoxe, mércores, aprázase á semana próxima. Os técnicos municipais adoptan esta decisión tendo en conta que o vindeiro domingo a Vuelta Ciclista a España pasará pola cidade, e percorrerá, entre outras rúas, a Avenida da Habana. Este feito fai aconsellable non asumir riscos e aprazar o corte do vial, por se algún imprevisto impedise rematar os traballos no prazo de dous días inicialmente previsto.
O peche ao tráfico durante 2 días do carril esquerdo da Avenida da Habana, no tramo comprendido entre a rúa Florentino Cuevillas e a Praza de Concepción Arenal, é debido ás obras de urbanización da rúa Concello, e ten como finalidade realizar a acometida definitiva da rede de saneamento existente, na prolongación da Avenida da Habana cara á Praza de Concepción Arenal.











