publicidade hoxe

O número de peregrinos do Camiño portugués da Costa aumenta cada ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O Camiño Portugués da Costa, e en particular a ruta que sae dende a cidade portuguesa de Porto, está a acadar cada vez máis sona. Trátase dun dos camiños máis excepcionais xa que, de todos os existentes, só dous van pola costa: o Camiño do Norte e o Camiño Portugués da Costa. E en concreto este ten un gran atractivo pola proximidade ao mar que mantén durante todo o traxecto e as espectaculares vistas que ofrece.

Ata non fai moito era un dos Camiños máis descoñecidos pero o boca a boca, sobre todo a través das redes sociais como Facebook ou Twitter, están a provocar que o número de persoas que o percorren se dupliquen dun ano para o outro. E é que as cifras non menten. Tal e como expresa Antonio Ferreira, hospitaleiro do albergue da Guarda, no que levamos de ano pernoctaron nestas instalacións 950 persoas, máis do dobre que no mesmo período do ano pasado.

Isto se debe ao aumento de peregrinos que está a ter esta ruta, pero tamén ao bo facer do propio albergue. Antonio Ferreira destaca que o 100% dos peregrinos que chegan ao albergue amosan a súa sorpresa polas características de luminosidade, amplitude, hixiene e comodidade que fan deste un albergue único na súa propia experiencia, xa que el mesmo leva percorridos 15 camiños a Santiago.

De eses 950 peregrinos que pernoctaron no albergue, máis do 90% saíron dende O Porto, e a maioría a pé. O segundo lugar do que máis peregrinos partiron é Lisboa e o resto veñen de 29 localidades diferentes como Santiago ou San Jean Pied de Port. En xeral estes últimos son estranxeiros que collen o voo para regresar ó seus países dende  Porto e aproveitan para facer o Camiño ó revés.

Polo albergue pasan todo tipo de grupos. Viaxan matrimonios, pais con fillos, avós e netos, familias enteiras ou incluso congregacións relixiosas como as que teñen vido de Madrid, Polonia ou a que pasou fai tres días provinte de Eslovaquia. O número de homes e mulleres é moi parello e está case no 50% e en moitas ocasións, hai grupos que se coñecen no propio Camiño e deciden seguir xuntos. As idades son moi variadas, e neste ano o peregrino máis novo foi unha rapaza de 3 anos que ía en bicicleta, mentres o de máis idade foi un home que facía o camiño a pé e tiña case 80 anos. 

O hospitaleiro tamén destacou a diversidade da procedencia dos peregrinos. Na súa maioría viñan de distintos lugares de toda a xeografía española, de 38 provincias diferentes. Entre os estranxeiros as nacionalidades máis habituais son portugueses, polacos, alemáns e italianos.  Pero tamén veñen de países tan afastados como Rusia, Kazakhstán, Isla Mauricio, Marrocos ou a India entre un total de 40 países.

Este aumento de afluencia no Camiño Portugués da Costa e de pernoctacións no albergue fixo que este pasado martes día 16 tivera lugar unha situación excepcional. Por primeira vez o albergue da Guarda tivo unha ocupación do máis do 100% pois houbo que habilitar 5 colchóns a maiores das 36 prazas que ten para atender todas as necesidades de aloxamento.

Está a ser un verano satisfactorio para o Camiño Portugués da Costa e para o albergue da Guarda. Neste a boa impresión que deixa nos visitantes c seu persoal, a tranquilidade do lugar e as instalacións, como as propias camas ou a cociña, está a ser un valor fundamental segundo o comentado polos propios peregrinos a Antonio Ferreira. Ademais, dende o albergue tratan de dar todas as facilidades posibles para que se o desexan se queden un día máis, como é intención de moitos dos visitantes, para así poder  ver con calma o Monte Santa Trega, as praias da Guarda, a Rede de Museos e todo o que ten que ofrecer a vila. Deste xeito tratan de facer que o paso dos peregrinos pola vila durante o Camiño Portugués da Costa sexa unha experiencia completa e   satisfactoria e, se é posible, que volten para repetila.

19 de agosto de 2016 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.