O incendio de Melón presenta dous focos de inicio distintos
O incendio da localidade ourensá de Melón, estabilizado desde as 16,45 horas deste luns e que afecta por agora a unhas 100 hectáreas, presenta dous focos de inicio diferentes, o que indica que puido ser provocado e ter detrás “a man humana”.
Así o manifestou este luns a alcaldesa do municipio, Cristina Francisco Vílchez, quen asegurou que, polo momento, esa é a información que manexa o concello.
O lume iniciouse ás 23,30 horas do domingo na parroquia de Quins, moi próxima ao municipio de Avión. Neste último produciuse outro incendio a semana pasada que afectou a máis de 400 hectáreas e no que, segundo indicou a rexedora de Melón, tamén se atoparon catro focos distintos.
Esta parroquia non adoita rexistrar incendios forestais e a zona é moi frondosa, polo que non foi necesario activar a ‘situación 2’ por proximidade das chamas a vivendas, segundo apuntou a primeira edil. Non así en Avión, onde as chamas estiveron próximas ao núcleo de Porreira e decretouse o nivel de alerta.