O goberno de Ferreiro elevará un 33% o investimento anual para o mantemento de beirarrúas e áreas peonís
A Xunta de Goberno Local aprobará esta semana os pregos e autorización de gasto do servizo de mantemento, conservación e reparación de beirarrúas e áreas peonís da cidade, dous contratos por unha vixencia de dous anos, prorrogables outros dous, nos que o Goberno local investirá, cada ano, un total 3,2 millóns de euros. Como salienta o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, a cifra supón un forte incremento do gasto nestes traballos, que ata esta data supoñían un investimento de 1,2 millóns por zona e ano, un total de 2,4 millóns ao exercicio, e que agora se incrementa nun 33%. “Consideramos que é absolutamente prioritario poñer ao día o espazo público, para que este poida estar adaptado ao uso de todas as persoas, atendendo a criterios de accesibilidade e deseño universal e equilibrando os usos do tráfico rodado e os peonís”, incide o responsable municipal, quen indica que este aumento no investimento, de 800.000 euros cada anualidade, servirá para seguir avanzando nesa liña de mellora da vía pública e para dar resposta ás demandas da veciñanza ante as consecuencias dun mantemento deficiente por mor da desatención dos barrios das anteriores corporacións.
“O alto número de incidencias rexistradas durante o pasado inverno evidenciou a insuficiente atención que lle prestara o anterior equipo de Goberno ao mantemento da cidade. A nosa prioridade, máis que vender grandes obras, é preservar a comodidade da cidadanía, así como a súa seguridade; por iso facemos este importante esforzo, para responder ás necesidades dos e das veciñas, tal e como nos requiren”, sinala o responsable municipal, recordando que os pregos responden ademais ás indicacións formuladas desde o departamento municipal de Infraestruturas, e tras detectar as eivas derivadas do anterior contrato.
O servizo, fai notar o concelleiro, inclúe traballos ordinarios de mantemento e conservación dos pavimentos, tanto aqueles que son programables como outros puntuais, dirixidos a arranxar un desperfecto sobrevido, e que requiren dunha resposta rápida, ademais de actuacións extraordinarias de distinta magnitude. Neste sentido, Varela subliña que os novos contratos “permitirán á área municipal de Infraestruturas actuar coa máxima axilidade e abordar problemas que xurdan en cuestión de horas ou días, o que non acontecía ata agora por causa do anterior contrato”. Entre as novidades cóntase tamén a inclusión, dentro do servizo, do mantemento do mobiliario urbano –nomeadamente bancos–, tanto a nivel preventivo como correctivo, o que “regulariza unha situación que ata o momento non estaba especificada no contrato”, expón o concelleiro.











