O DOG publica a licitación da obra do Consorcio Casco Vello de Vigo que rehabilitará o inmoble da rúa subida á Costa, 5
A Xunta de Galicia publicou hoxe no DOG (Diario Oficial de Galicia) o anuncio de licitación de obra para a rehabilitación do edificio situado na rúa Subida á Costa 5, na zona alta do Casco Vello da cidade. Neste enlace ao DOG infórmase de que os interesados en participar neste proceso poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Consorcio, na Praza da Princesa, rematando o prazo aos 26 días seguintes ao da publicación do presente anuncio no DOG e tamén no BOP (Boletín Oficial da Provincia). Nestes momentos resta a publicación no BOP, que se estima sexa nos vindeiros días. O orzamento base de licitación é de 239.518,53 euros (IVE excluído).
Con este trámite o Consorcio Casco Vello, integrado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello de Vigo, continúa o proceso administrativo para a adxudicación dunha obra que permitirá a rexeneración dun edificio dividido en semisoto, planta baixa e planta alta, do que na actualidade só se conservan as fachadas, para dar lugar a unha vivenda e un baixo comercial cunha superficie total útil de 180 m2. Cun prazo de execución de 12 meses a vivenda contará con dous dormitorios, baño, cociña e sala de estar, ocupará a planta alta e terá acceso a través da planta baixa.
A actuación realízase nunha parcela cualificada como chan urbano consolidado dentro do PEPRI Casco Vello de Vigo. De acordo con esta cualificación considéranse como elementos a protexer na execución do proxecto as fachadas de pedra do edificio, prohibíndose a alteración dos seus materiais e carpinterías exteriores. A licenza outorgada para a construción establece así mesmo a obrigación de demoler un anexo realizado no patio exterior do edificio.
Esta obra súmase a varias actuacións que o Consorcio realiza na actualidade nas próximas rúas de Ferrería ou Subida ao Castelo, e á recente adquisición doutro inmoble na tamén próxima rúa Cruz Verde para continuar co labor de recuperación histórica e rexeneración urbanística que desde fai dez anos realiza na zona antiga de Vigo, o que supuxo actuacións en máis dun centenar de edificios e locais.











