O diálogo e o consenso entre PSOE, Ourense en Común e PP permiten desbloquear a posta en marcha da Praza de Abastos nº2
O diálogo e o consenso entre PSOE, PP e Ourense en Común permiten desbloquear a posta en marcha da Praza de Abastos nº2, a situada no barrio da Ponte. Así quedou de manifesto na reunión da comisión de seguimento desta infraestrutura, onde os tres grupos apoiaron o modelo de xestión integral para o edificio.
A concelleira de Comercio, Ana Morenza, agradece expresamente aos grupos da oposición o traballo realizado e as súas aportacións, e agarda que esa vontade de colaboración se manteña noutros asuntos de interese como a futura ordenanza de veladores.
No que respecta ao modelo de xestión integral, este consistirá en que esta será adxudicada a unha empresa, sociedade ou UTE, sendo a adxudicataria quen busque os comerciantes que ocupen os oito postos e a propia cafetería do recinto. O canon anual que fixará o Concello á adxudicataria será de 45.000 euros anuais. Tal e como explica a concelleira de Comercio, Ana Morenza, o seguinte paso será enviar o prego técnico ao Servicio de Contratación, logo de realizar unha serie de axustes propostos na devandita comisión de seguimento, para sacar a concurso a súa adxudicación na maior brevidade posible e poder desbloquear de xeito definitivo a súa posta en marcha. De feito, o goberno municipal manifesta tamén a súa vontade de poñer en marcha unhas xornadas de portas abertas neste recinto.
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta a vontade de diálogo e búsqueda de puntos de encontro exercida pola responsable de Comercio, e agradece igualmente aos grupos de PSOE e Ourense en Común o seu traballo en positivo para desbloquear a posta en marcha dunha infraestrutura clave no barrio da Ponte e da cidade.











