O Consello de Administración dá a benvida aos xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro

Media Day
Esta mañá, en canto o equipo terminou a súa sesión de adestramentos, os xogadores tiveron a visita de varios dos integrantes do Consello de Administración. O presidente, Raúl López, foi o encargado de dirixirse ao equipo en nome de todos para darlles a benvida.
Raúl López quixo resaltar, en primeiro lugar, que “o equipo, a directiva, os empregados, os patrocinadores, a afección e todas as persoas que compomos este club somos unha familia”.
O presidente asegurou aos xogadores que o máis importante é “que tedes que entender que aquí vós non sodes soamente xogadores de baloncesto. Imos facervos sentir como na casa” e engadiu que lle consta que os que levan máis tempo “estades a axudar a que os novos se adapten o máis rapidamente posible”.
Posteriormente pediulles que lles gustaría que “os 6.000 afeccionados que veñen cada quince días a vervos estean orgullosos do seu equipo, xa que fan un esforzo por pagar o seu abono e queren ver que se lles devolve ese esforzo. Se conseguides iso imos estar todos convosco”.
“Aínda que perdamos nalgunha ocasión, se dedicades esforzo, vos implicades e facedes o voso traballo, van seguir aplaudíndovos e animándovos”, finalizou.
Hoxe foi día de presentacións xa que, tras a visita do Consello, celebrouse o Media Day e tocou recibir na pista de Sar aos xornalistas que cubriron e cubrirán ao longo desta nova tempada toda a actividade do club. Os medios de comunicación dispuxeron dun tempo para charlar cos xogadores máis veteranos, ademais de coñecer ás novas incorporacións, e que así respondesen animadamente ás súas preguntas.











