O Conselleiro de Política Social e o alcalde de Curtis asinan o convenio para a apertura do Centro de Día en setembro

Rey Varela na sinatura do convenio co alcalde de Curtis
O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a apertura en setembro do Centro de Día de Curtis, que tamén dará servizo aos municipios de Aranga, Coirós, Oza-Cesuras, Frades, Mesía, Boimorto, Vilasantar e Sobrado.
A través deste convenio, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asume a dirección e xestión destas instalacións, onde se prestará atención terapéutica integral ás persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, mentres que o Concello achegará 2.500 euros anuais por cada praza ocupada por persoas empadroadas no municipio.
A sinatura do acordo foi no propio Centro de Día, que o conselleiro visitou acompañado do alcalde e da concelleira de Benestar Social, Eva Latexe.
Durante este mes de agosto foron xa numerosas as persoas que se achegaron a este centro aproveitando as xornadas de portas abertas organizadas polos Servizos Sociais do Concello curtiense e a empresa concesionaria para todo aqueles cidadáns interesados en coñecer as instalacións e o seu funcionamento.