O Concello de Ourense fomenta o asociacionismo xuvenil cunha convocatoria de axudas a proxectos a desenvolver na cidade
O Concello de Ourense apoiará as actividades e proxectos xuvenís a prol do asociacionismo na cidade cunha convocatoria de axudas, á que destinará unha achega de 18.070,43 euros. As entidades interesadas poden presentar as súas propostas a través do Rexistro Xeral do Concello desde hoxe durante un período de 20 días, de acordo coas bases aprobadas pola Xunta de Goberno local o día 19 de agosto, e a convocatoria que hoxe se publica no Boletín Oficial da Provincia.
Con estas subvencións, o Concello pretende fomentar e consolidar a participación da mocidade na vida social, potenciando a súa capacidade de organización e autonomía dentro dos diferentes ámbitos e facilitar o desenvolvemento de actividades por parte das asociacións xuvenís.
Esta convocatoria servirá para propiciar e racionalizar esforzos conxuntos no ámbito da xuventude, favorecer o asociacionismo e reforzar os lazos de cooperación e solidariedade social entre mozos, as súas organizacións e o resto da sociedade e institucións.
O obxecto desta convocatoria é subvencionar actividades en materia de xuventude dirixidas a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 15 e os 35 anos.
Serán actividades subvencionables, as dirixidas ao fomento e a participación da mocidade que se desenvolvan en Ourense, programas de dinamización e animación xuvenil, sociocultural e psicosocial de carácter formativo ou de prevención de conductas de risco, actividades de tempo de lecer, as relacionadas coa diversidade intercultural, o fomento do espírito emprendedor e que incentiven os valores de creatividade, iniciativa, responsabilidade e innovación na educación, e as de mobilidade xuvenil.
As solicitudes de subvención deberán presentarse no Rexistro xeral do Concello de Ourense durante un prazo de 20 días naturais desde hoxe.











