publicidade hoxe

O Concello de Ames asina un convenio para a cesión das parcelas do novo centro de saúde do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Esta mañá o Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames acolleu a firma dun convenio de cesión entre o Concello de Ames e a empresa Montesgal S.L. Nel cédense ao consistorio tres parcelas situadas na Travesía do Porto, no Milladoiro, onde está previsto construír o novo centro de saúde. O plan parcial que as rexe está sendo actualmente estudado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia trala presentación dun recurso por parte dun particular pola vía contencioso-administrativa. A cesión anticipada permite ao consistorio asegurar a viabilidade do proxecto de construción. O anteproxecto do edificio está sendo examinado pola Xunta de Galicia; o alcalde amesán José Miñones agarda que o convenio co SERGAS permita, unha vez asinado en setembro, comezar canto antes coas obras.

No ano 2007 a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o proxecto de compensación do sector urbanístico S-15, Travesía do Porto Sur, no Milladoiro. Aprobouse ademais o reparto das parcelas entre cada un dos promotores, localizándose e sinalándose a superficie correspondente ao consistorio para o seu uso público ou para a construción de equipamentos. En 2013 o goberno municipal aprobou o plan parcial deste sector; a parcela correspondente ao organismo local fora cedida a uso do SERGAS para a edificación dun novo centro de saúde. O que ofrece servizo actualmente no Milladoiro xa se atopaba entón saturado; construído nun momento no que a poboación do núcleo urbano era moito menor. Dous recursos, presentados pola vía contencioso-administrativa, foron presentados contra o proxecto de compensación e contra o plan parcial do sector S-15. O primeiro foi resolto en xuño de 2016; o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fallaba a favor do Concello de Ames e desestimaba o recurso. O segundo aínda sigue en curso.

A cesión anticipada das tres parcelas que conforman o terreo de saúde, das cales Montesgal S.L é a entidade propietaria, evitará que, no caso de que o TSXG estime o recurso contra o plan parcial, a edificación do centro de saúde non se vexa paralizada. Así o explicou está mañá o alcalde de Ames, José Miñones, despois da sinatura do convenio que converte ao Concello no titular do terreo. “En caso de que o TSXG estime o recurso a configuración das parcelas do sector tería que ser modificada”, sinalaba, “desta forma a parcela na que se construirá o centro de saúde non se vería afectada”. “É unha garantía a maiores”, afirmou o rexedor, “que xa fora comunicada no seu momento á Xunta de Galicia; confirmamos así ao SERGAS que de comezarse as obras, aínda que o recurso sexa aprobado, non se paralizarán”.

Unha vez asinada a cesión dos terreos o Concello de Ames seguirá traballando na sinatura dun acordo co SERGAS. Este documento, así como o anteproxecto da licitación da obra, están sendo estudados polo departamento xurídico da Xunta de Galicia. O rexedor amesán agarda que o convenio se formalice “no mes de setembro”. O anteproxecto, no que se inclúe as dotacións e características do novo centro de saúde, “non deberá ser modificado”, sinala José Miñones. “Cando nos puxemos en contacto coa Xunta de Galicia, nos meses de maio e xuño, prevíase o comezo das obras neste mesmo ano e esperamos que se cumpran estes prazos”.

23 de agosto de 2016 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.